O alumnado de 3º da ESO en Celanova e Ourense

Publicado o 12 Abril, 2014 na sección Lingua e Literatura galegas por Xulio Dobarro

img_5531.JPG

INTRODUCIÓN AO CONCERTO DIDÁCTICO NO CORO ALTO DA IGREXA DE CELANOVA

Este ano, con certa antelación sobre a data que viña marcando a visita a Celanova, o alumnado de 3ºda Eso desprazouse ata a esa localidade o día 8 de abril, non só para desfrutar dun espléndido día fóra do Instituto, senón tamén para submerxirse na vida do mosteiro de San Salvador ou, tamén  coñecido polo nome do seu fundador San Rosendo, para admirar a extraordinaria obra arquitectónico do conxunto monástico. A viaxe, iniciouse, como de costume, de mañanciña, para poder aproveitar a xornada ao máximo. Cando son as dez da mañá xa nos están agardando na praza principal de Celanova as persoas que nos van servir de guías e apoio da xeira cultural ao longo da mañá. A organización aconsella organizármonos en dous grupos para que a visita resulte o máis rendible posible. Un grupo trasládase á Casa dos poetas ou de Curros Enríquez e, o outro ao mosteiro. O que nos imos atopar en cada un dos lugares xa é coñecido por algúns, pero a outros  sorprenderaos a grandiosidade do mosteiro, como nunha vila, hoxe diezmada pola caída da poboación, puido acaparar tanto poder. Na casa de Curros, a responsable, Paula, documéntanos amplamente e dun xeito abondo didáctico cos paneis que colgan das paredes referidos á biografía do autor, algunha que outra anécdota e o labirinto para que o Padroado puidese dispoñer da casa natal do poeta. Non se esquecerá tampouco do outro grande vate do século pasado, Celso Emilio Ferreiro, natural desta vila e que, agás algún que outro sensabor ,”Longa noite de pedra” mantivo certa devoción pola vila. Na actualidade, o principal creador literario, vivo e moi vencellado á Fundación é X. Luis Mendez Ferrín, anterior presidente da RAG e sobradamente coñecido pola súa obra ambientada na comarca, “Arraianos” e outras moitas. O que, dalgún xeito, vén a probar que a traxectoria iniciada por Curros segue viva. A xeira polo mosteiro iníciase cunha presentación dos dous grandes claustros, O Reglar, do século XVI, con bóvedas de crucería e medallóns con bustos de personaxes históricos; o outro, chamado Novo ou do Poleiro rematouse en 1722. Esta parte acolle na actualidade o instituto da localidade e, entre outras curiosidades, destaca a escalinata que dá acceso ao segundo andar, no que sobresae a biblioteca que conxuga o estilo clásico coa modernidade.

img_5543.JPG

NA HORTA DA CASA DE CURROS, AO LONXE CASTROMAO

A visita ao mosteiro, á parte da xa sabida importancia da capela de san Miguel de Celanova, de arte mozárabe, os retábulos e o coro baixo; nesta ocasión, quizais o máis interesante será a lección dada pola profesora de piano do conservatorio superior de Ourense, no coro alto, onde un órgano excepcional permite trazar unha ampla historia sobre o instrumento en xeral e sobre este en particular. Era esta a primeira  ocasión para poder escoitarlo e, desde logo, que non decepcionou nin a profanos nin a virtuosos. Con  moito didactismo, ese día, algúns puidemos saber o que era en profundidade un órgano e outros detalles para incorporar á nosa bagaxe cultural (fascistol, misericordia, etc.) Cunha pequena incursión na parroquia de Vilanova dos Infantes, para ver de cerca a considerable altura que acadaba a torre de homenaxe do que foi un antiguo castelo medieval e, como  non, a figura da virxe do Cristal, que custodia o crego da parroquia e que inspirou a Curros para elaborar o poemario adicado a aquella, desandamos parte do camiño e presetámonos en Ourense cidade. Despois de repoñer  forzas, e dado que estamos na cidade do termalismo por excelencia, non se podía evitar unha visita fugaz ás Burgas e dirixirse ás termas de Outariz, porque, a pesar do día caloroso, había que realizar o baño iniciático inherente á visita.

 

img_5566.JPG

NAS TERMAS DE OUTARIZ

Related Posts with Thumbnails

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo