Club de Lectura

O inicio deste novo curso trae consigo algunhas novidades e outras que xa non o son tanto. Esta vai ser a segunda edición en canto a funcionamento do CLUB DE LECTURA, se é que conseguimos organizar un grupo de persoas interesadas nesta tarefa.
Ese interese pode deberse a que hai alumnado ao que non fai falla estimulalo para que lea porque todas as horas do mundo lle resultan poucas,e outras ás que é preciso estimulalas para incorporarse a esta aventura de acercamento a outros mundos, a outras dimensións e a emocións que doutro xeito pasarían desapercibidas. Por todo iso, e outras múltiples razóns que non imos relatar aquí, facemos un chamamento desde a BIBLIOTECA a todo o alumnado, profesorado e familias para que se sumen, ou axuden aos que están ao seu arredor, a fomentar a lectura de xeito lúdico e formativo. A Consellería vén de concederlle ao Instituto unha axuda económica importante para a dinamización da Biblioteca, para adquisición de fondos bibliográficos, dixitais, e mobiliario, dentro do programa de Mellora das bibliotecas. A ver se sabemos corresponder ás demandas plantexadas para que fose concedida tal axuda.
O CLUB DE LECTURA é unha plataforma que desde os centros educativos se pretende mobilizar a un grupo de persoas interesadas pola lectura, especialmente ao alumnado, pero non exclusivamente, porque coa complicidade da familia e do profesorado as posibilidades de éxito estarían mellor aseguradas.
Deben saber, tanto o alumnado como o profesorado, que a elección da temática, títulos, lectura compartida, reunións para intercambio de impresións, etc. é totalmente autónoma. Quere isto dicir que, ademais de ser de balde a adquisición dos libros, o grupo de persoas organizadas arredor dunha lectura pode artellar actividades complementarias como a participación dos creadores, escritores/ilustradores, asistencia a proxeccións de cine, dvd, etc.
Que os horarios para realizar lecturas compartidas están condicionados polas propias limitacións do sistema de horarios aos que todos dun xeito ou de outro estamos sometidos. De calquera maneira débese saber que a experiencia do ano anterior sen ter sido un éxito, -tampouco un fracaso- , si serviu para confirmar unha realidade: que o interese pola lectura é moi limitado e que hai que buscar novas fórmulas para que resulte máis atractiva. Ou senón preguntarlles ás persoas que, probablemente, de non ser por iso non terían caído nas súas mans títulos tan populares como o foron e están sendo “O neno do pixama a raias”, “Cometas en el cielo”, “Firmin”, etc. Este curso estáselle propoñendo ao alumnado as reunións en horas de recreo e cando sexa para a posta en común que adquiran o compromiso de asistir algunha tarde dos martes ou xoves, de 16,30 a 18 horas. A mesma dinámica proponse para as familias: selección conxunta da obra, período de tempo para a lectura individual/compartida, e posta en común daquela.
Facemos un chamento a toda a comunidade educativa para que todo aquel que teña algo que suxerir, relacionado coa creación, difusión, adquisición de novos fondos e fomento da lectura, nolo faga chegar por calquera dos vieiros habituais ás persoas da BIBLIOTECA, e de maneira especial a aqueles que estean interesados en formar parte do CLUB/S DE LECTURA do Ies do Castro.
 
 
					
				 Imprimir este Artigo
 Imprimir este Artigo
	
	









