O club de lectura “O Castro” bota a andar

Publicado o 26 Novembro, 2008 na sección Club de lectura, Actividades, Biblioteca por Xulio Dobarro

 

Club de lectura 1

Por segundo ano consecutivo o club de lectura do Instituto botou a andar coa incorporación de novas persoas e coa baixa de outras. As previsións para esta nova aventura  son de crear dous grupos de traballo, polo menos, para certas lecturas: un para bacharelato e pais/nais de alumnado e profesorado, e outro para a ESO.

Na práctica xa se está desenvolvendo así para as primeiras lecturas. No caso da ESO foron os propios interesados os que dicidiron embarcarse na  triloxía da “Materia escura”, porque algúns xa leran a primeira entrega e a maioría está encetando a segunda. Con respecto ao outro, acordouse  que fose o último premio nacional de literatura infantil  e xuvenil, Agustín Fernández Paz, autor de “O único que queda é o amor”, ao que se rendese a nosa homenaxe particular e coa esperanza de poder contar con el nalgúnha das reunións que se celebren para comentar este feixe de relatos.

Agustín Fernández Paz: O único que queda é o amor. Edicións Xerais. Vigo, 2007

ounico.jpg

Tema: Con este título tan tallante non se pode agardar  algo moi distinto ao que recolle o vocábulo central, o AMOR con maiúsculas e na distancia. O amor podería conducir á felicidade dos protagonistas dos contos, pero a vida téndelles algún ichó e condúceos ao desamor, á tristeza ou á nostalxia dun tempo pasado que fora mellor. Unhas veces non se sabe romper o silencio, outras as desgrazas  que se presentan por sorpresa e mesmo o autoengano separará para sempre aquilo que a natureza  unira na flor da vida. Neste contexto vai ser a lectura a que valla de  beveraxe ou bálsamo para recuperar a ilusión e as gañas de vivir.

Todas son breves historias, entre contos e relatos curtos, nas que  todo flúe rapidamente e dan un xiro radical cando menos se espera. Nesta brevidade, algúns dos protagonistas que están ligados por algún vencello inmaterial, non chegan nin a coñecerse persoalmente porque o azar interrompe as ilusións do outro porque non se cruzan as súas vidas ou  como moito algunhas miradas furtivas (Un radiante silencio, Unha foto na rúa).

Personaxes: Os relatos,que sempre van introducidos por unha cita literaria, incluso o propio título, están  todos  protagonizados por persoas adultas que desde a madurez lembran con nostalxia a súa etapa de xuventude, de mocidade e que agora non ten volta atrás. Os dous membros da relación protagonizan vivencias que nalgún momento foron de tenrura, de felicidade e se tornaron de tristeza, amargura e desilusión. Son na súa maioría homes que a pesar da súa suposta superioridade acaban tamén sendo vítimas, e noutros de verdugos pola falta de complicidade coa persoa amada, ben fose por un posible benestar social ou por tradicións mal entendidas. Ou acaso estaría ben visto que o esperto mecánico de Vilarelle casara coa filla do xefe? (Amor de agosto).

O certo é que despois de ter lido estes contos parece  como que o verdadeiro amor é traicionado e por iso cobra a súa renda de distintos xeitos: Laura escolle a Miguel porque é avogado, e rexeita ao protagonista pero este garda as cartas da mocidade; Elvira segue a Suso en “Despois de tantos anos” porque este traballa nunha actividade con futuro, o sector naval nos anos de euforia construtiva, pero coa reconversión trae a desazón e o paro, e cando Suso desaparece da súa vida recupera o libro das Rimas de Bécquer que Adrián lle regalara cando mozos se coñeceran por terras de Mondoñedo nas San Lucas.

Algúns dos relatos preséntanse con certo halo de misterio, de profunda tristeza e  medo cando a persoa amada desaparece das súas vidas por accidente ou de balde. Estamos a pensar naqueles contos nos que os protagonistas, masculino ou feminimo, non son capaces de reconstruír a súa existencia sen a compaña do outro, e que o tempo non chega a cicatrizar a ferida: “Esta estraña lucidez”, “Unha historia de fantasmas”, etc.

Neste sentido podemos concluír  que o amor e o desamor non entenden de idade nin de estatus social:Daniel, un mozo vigués, deambula polas rúas da cidade á busca do prezado tesouro  “Unha foto na rúa”, empregadas de banca (Sara, especialmente), libreiros, mecánicos, ou avogados acaban rendéndose ao amor e refuxiándose nos libros,ao igual que María en “Ríos da memoria” trata de desimular as bágoas que lle provoca o reencontro co lugar da súa xuventude, mentres o marido sofre pola tardanza no camiño cara a Bilbao.

Contexto: O contexto, entendido no sentido do espazo e o tempo no que se enmarcan os relatos, diríase que o autor foxe premeditadamente do tópico do mundo rural galego fronte ao urbano e trasládanos a un medio semiurbano ou claramente urbano.As vilas galegas de Vilalba, O Ferrol, Mondoñedo e Vigo son unha clara aposta polas urbes, xunta con Vigo, polo tanto arriscámonos a dicir que o autor opta claramente polas cidades, aínda que en case todos os relatos o  ”locus amoenus”  se atope nese pasado con aires de fidalguía rural ou simplemente campestre “Meditación ante o álbum de fotos familiar” ou “Despois de tantos anos”.

É unha escolma de contos claramente modernos, mesmo se podería dicir que o autor os sitúa de maneira específica na segunda metade do século XX. Os sucesos máis relevantes que aparecen expresamente indicados son o maio de 1968,ou a reconversión naval de 1984, xunta a outros sen tanta precisión cronolóxica, pero, en todo caso, perfectamente actuais.

Con respecto ao tempo meteorolóxico, poderíase indicar que o verán é  cómplice do amor (Amor de agosto), e o inverno de desamor (colexio, instituto, universidade,etc) (Meditación ante o álbum de fotos familiar)

Narrador: O autor xoga claramente co punto de vista da narración en función do que poderiamos considerar máis ou menos intimista. Así, algúns dos relatos en primeira persoa, “Amor de agosto” , é anónimo e outros identifican o narrador: Elvira en “Despois de tantos anos”, etc. Mentres, en “Un radiante silencio” ou en  ”Unha foto na rúa” emprega un narrador externo en terceira persoa, que non por isto poden deixar de ser máis profundos, pero tamén pode ser unha maneira de non resultar tan monótona a narración.

A xeito de conclusión ocórreseme dicir que no conxunto hai unha clara aposta polo AMOR en todos os contos, unhas veces resolta con máis acerto que outras, pero cun exceso de citas literarias que poden xustificarse ,quizais, polo que parece unha dobre intencionalidade do libro: fomento da lectura, e de maneira moi especial, a poesía, e, por outro lado, a reivindicación do amor verdadeiro que acaba deixando a súa pegada en todas as persoas que ao longo da súa vida o tiveron ao seu carón e non o souberon coidar ou llelo roubaron.

 

autor.jpg

(Imaxes de Edicións Xerais -uso educativo delas)

Related Posts with Thumbnails

Publique un comentario

Debe estar conectado para publicar un comentario.


Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo