Miguel Anxo Murado no Instituto

Miguel Anxo Murado López, nado en Lugo o 2 de maio de 1965, é un escritor,xornalista e guionista galego que este mércores 22 de maio, víspera do Día do libro, vai impartir unha conferencia para o alumnado de segundo de bacharelato no centro.
A súa biografía resulta, cando menos, curiosa polos lugares polos que se ten desprazado desde a súa mocidade ata a acualidade. Dicimos curiosa e ao mesmo tempo intensa porque ten pasado por espazos tan dispares como a ex-Iugoslavia, Xapón ou Palestina. Froito destas estadías como corresponsal e ás veces “diplomático”, naceron varias das súas obras.
O seu labor criativo pasa por tarefas moi variopintas como son, por exemplo, a de guionista para varias series da TVG abondo populares como foron “Pratos combinados” e “Mareas vivas” e de longametraxes como “La ley de la frontera” e “Finisterre” de Xavier Villaverde. Como xornalista foi director de Radio Círculo de Madrid e correspondente de guerra nos Balcáns (1991-1993), é dicir en pleno conflito por eses lares; da experiencia en Palestina traballou para as Nacións Unidas e foi sucesivamente xefe de relacións exteriores do Ministerio de Medio Ambiente e do Ministerio para Belén 2000. Máis adiante foi correspondente en Xerusalén do diario El Mundo durante os tres primeiros anos da Intifada. Actualmente colabora de xeito habitual como articulista de La Voz de Galicia.
Entre os recoñecementos pola súa obra literaria hai que destacar o Premio da Crítica en galego, ano 2008, pola súa obra O soño da febre.
De xeito resumido podemos dicir que ten participado de todos os xéneros literarios, desde a poesía con títulos como “Lapidario”, ata o teatro con “Historias peregrinas”, e, por suposto a narrativa con “Ruído, relatos de guerra”, “O soño da febre”, ou “Fin de século en Palestina”, e ensaio sobre “Luis Pimentel, unha fotobiografía”, sen esquecermos as suas colaboracións na prensa diaria.
Polo tanto, recomendamos encarecidamente a maior asistencia posible, porque podemos dicir que neste momento en Galicia e con esta conxunción de saberes non hai moitas persoas que poidan estar á súa altura. Desde aquí agradecemos a oportunidade que nos brinda a Editorial Galaxia para poder contar coa súa preseza e , sobre todo, a amabilidade de Miguel Anxo para ilustrarnos sobre temas tan de actualidade e da súa experiencia como creador.

Imprimir este Artigo









