Xornada na natureza do alumnado de 1º da ESO

Publicado o 7 Maio, 2014 na sección Lingua e Literatura galegas, Taboleiro Transversal por Xulio Dobarro

O PROGRAMA “MONTENTÉRATE” DA C. DE EDUCACIÓN E MEDIO RURAL  NO IES DO CASTRO

O programa Montentérate está incluído dentro das actividades organizadas pola Consellería de Educación e a de Medio rural e do mar para poñer en valor o patrimonio material e inmaterial do monte, en xeral, e, os de man común, en particular. Ademais de destacar a importancia dos montes desde o punto de vista paisaxítico e climatolóxico e difundir entre o alumnado o que se consideran boas prácticas en canto á prevención de incendios e aproveitamneto de froitos silvestres (cogomelos, plantas medicinais, castañas, etc.) neste caso tamén se fai fincapé, de xeito especial, sobre a importancia do monte como alternativa de lecer saudable fronte a outros hábitos máis sedentarios.

. conferencia.JPG

RECEPCIÓN E CONFERENCIA NA SEDE DA CMVC DE CORUXO

Pois ben, despois dunha pequena reflexión sobre o tema na aula, o pasado día 28 de novembro levouse a cabo o que demos en chamar “Inmersión e plantación” no monte veciñal en man común de San Salvador de Coruxo-Fragoselo. Foi o alumnado de primeiro da ESO o que nesta ocasión se desprazou ata o monte de Fragoselo para que unha vez alí fose recibido por persoal laboral da Comunidade de montes no local da entidade para ser informado sobre o que son os montes periurbanos do concello de Vigo e de maneira especial sobre a súa fauna. Tal e como puxo de manifesto o conferenciante, é preciso tomar conciencia do número amplo de aves, mamíferos, réptiles e anfibios que están tan cerca e ao mesmo tempo resultan tan descoñecidos para a maioría da poboación e isto pode ter unhas graves consecuencias para o equilibrio medioambiental e a cadea trófica porque, tamén aquí, o perigo de sobrevivencia dalgunhas especies está en entredito como pasa co reino vexetal. Estamos a falar do visón americano, do mapache, do caranguexo americano, as cotorras ou as abespas asiáticas que castigan os enxames para a produción de mel e, polo tanto, todas elas,especies invasoras. A continuación realizouse unha andaina de aproximadamente cinco quilómetros que serviu para observar a diversidade e os fortes contrastes entre os espazos de vexetación espontánea, onde campan os eucaliptos e as acacias como especies invasoras e que de non ser controlados invadirían todo o monte coas consecuencias dramáticas para o resto de árbores autóctonas. Xunto a aquelas tamén a presenza abondosa de piñeiros que son unha fonte de ingresos moi importante, para o seu uso na construción e pasta de papel. Neste percorrido tamén se viu o lugar no que se acumulan todos os restos de podas e limpeza do monte como biomasa para o aproveitamento en abono e enerxía.

andaina.JPG

NO CORAZÓN DO BOSQUE

Un dos puntos de máis interese é o que se coñece como regueira de Laxiade, onde se está levando a cabo un proceso de recuperación de especies frondosas e propias das valgadas, fronte ás de máis fácil crecemento como son os eucaliptos, piñeiros e acacias. Por iso neste recuncho se aproveitou para sensibilizar ao alumnado sobre a importancia de preservar determinadas variedades de árbores que de non ser protexidas corren o risco de extinción. Estamos a falar neste caso da recuperación de espazos con castiñeiros (soutos),acivros, bidueiros, freixos, abelairas ou amieiros que conviven con outro elemento moi importante no equilibrio medioambiental, como é a auga.

nino.JPG

O QUE NON PUIDERON VER

Para rematar, e como colofón a este día no que os cinco sentidos eran poucos para desfrutar en toda a súa dimensión da xornada na natureza, aínda quedaba o máis novidoso, que era, plantar unha árbore. Para a maioría foi a primeira vez que botaron man a un sacho, laia ou pa e se emporcaron coa terra que ía servir de sostento á árbore ; pero a empresa foi un éxito total e mesmo algúns quixeron repetir a experiencia de plantar algún bidueiro, érbedo ou pradairo con tal de que aquilo rematase felizmente coa colaboración dos traballadores forestais. Ao longo do percorrido houbo ocasión para ver diferentes alternativas de lecer en contacto coa natureza: circuíto de mountain bike, rutas de senderismo, campo de fútbol, petróglifos en cantidade, parque forestal, etc. En resumo, un monte periurbano cunha oferta de posibilidades extraordinarias, moi cercanas e á vez moi accesibles, Fragoselo-Coruxo, e un pulmón máis que facilita as nosas vidas e que debemos coñecer para protexelo dos posibles inimigos.

sara-e-cia.JPG

SARA,VALERIA, LAURA E SANDRA CO SEU ÉRBEDO

amy-le.JPG

NA REGUEIRA DE LAXIADE,AMY DISPONSE A LER

Advertencia: A actividade, con carácter gratuíto para o alumnado, foi financiada polo centro e subvencionada pola ANPA.A opinión do que subscribe é que este tipo de accións deberían seguir contando con eses apoios.

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

O alumnado de 3º da ESO en Celanova e Ourense

Publicado o 12 Abril, 2014 na sección Lingua e Literatura galegas por Xulio Dobarro

img_5531.JPG

INTRODUCIÓN AO CONCERTO DIDÁCTICO NO CORO ALTO DA IGREXA DE CELANOVA

Este ano, con certa antelación sobre a data que viña marcando a visita a Celanova, o alumnado de 3ºda Eso desprazouse ata a esa localidade o día 8 de abril, non só para desfrutar dun espléndido día fóra do Instituto, senón tamén para submerxirse na vida do mosteiro de San Salvador ou, tamén  coñecido polo nome do seu fundador San Rosendo, para admirar a extraordinaria obra arquitectónico do conxunto monástico. A viaxe, iniciouse, como de costume, de mañanciña, para poder aproveitar a xornada ao máximo. Cando son as dez da mañá xa nos están agardando na praza principal de Celanova as persoas que nos van servir de guías e apoio da xeira cultural ao longo da mañá. A organización aconsella organizármonos en dous grupos para que a visita resulte o máis rendible posible. Un grupo trasládase á Casa dos poetas ou de Curros Enríquez e, o outro ao mosteiro. O que nos imos atopar en cada un dos lugares xa é coñecido por algúns, pero a outros  sorprenderaos a grandiosidade do mosteiro, como nunha vila, hoxe diezmada pola caída da poboación, puido acaparar tanto poder. Na casa de Curros, a responsable, Paula, documéntanos amplamente e dun xeito abondo didáctico cos paneis que colgan das paredes referidos á biografía do autor, algunha que outra anécdota e o labirinto para que o Padroado puidese dispoñer da casa natal do poeta. Non se esquecerá tampouco do outro grande vate do século pasado, Celso Emilio Ferreiro, natural desta vila e que, agás algún que outro sensabor ,”Longa noite de pedra” mantivo certa devoción pola vila. Na actualidade, o principal creador literario, vivo e moi vencellado á Fundación é X. Luis Mendez Ferrín, anterior presidente da RAG e sobradamente coñecido pola súa obra ambientada na comarca, “Arraianos” e outras moitas. O que, dalgún xeito, vén a probar que a traxectoria iniciada por Curros segue viva. A xeira polo mosteiro iníciase cunha presentación dos dous grandes claustros, O Reglar, do século XVI, con bóvedas de crucería e medallóns con bustos de personaxes históricos; o outro, chamado Novo ou do Poleiro rematouse en 1722. Esta parte acolle na actualidade o instituto da localidade e, entre outras curiosidades, destaca a escalinata que dá acceso ao segundo andar, no que sobresae a biblioteca que conxuga o estilo clásico coa modernidade.

img_5543.JPG

NA HORTA DA CASA DE CURROS, AO LONXE CASTROMAO

A visita ao mosteiro, á parte da xa sabida importancia da capela de san Miguel de Celanova, de arte mozárabe, os retábulos e o coro baixo; nesta ocasión, quizais o máis interesante será a lección dada pola profesora de piano do conservatorio superior de Ourense, no coro alto, onde un órgano excepcional permite trazar unha ampla historia sobre o instrumento en xeral e sobre este en particular. Era esta a primeira  ocasión para poder escoitarlo e, desde logo, que non decepcionou nin a profanos nin a virtuosos. Con  moito didactismo, ese día, algúns puidemos saber o que era en profundidade un órgano e outros detalles para incorporar á nosa bagaxe cultural (fascistol, misericordia, etc.) Cunha pequena incursión na parroquia de Vilanova dos Infantes, para ver de cerca a considerable altura que acadaba a torre de homenaxe do que foi un antiguo castelo medieval e, como  non, a figura da virxe do Cristal, que custodia o crego da parroquia e que inspirou a Curros para elaborar o poemario adicado a aquella, desandamos parte do camiño e presetámonos en Ourense cidade. Despois de repoñer  forzas, e dado que estamos na cidade do termalismo por excelencia, non se podía evitar unha visita fugaz ás Burgas e dirixirse ás termas de Outariz, porque, a pesar do día caloroso, había que realizar o baño iniciático inherente á visita.

 

img_5566.JPG

NAS TERMAS DE OUTARIZ

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Marcos Calveiro co alumnado de 1º da ESO

Publicado o 18 Decembro, 2013 na sección Lingua e Literatura galegas por Xulio Dobarro

                                                     

p1010453.JPG

Sobre a pantalla as pedras negras 

O azar quixo que a semana pasada coincidira a presentación do libro “Palabras de agua”, polo seu autor Marcos Calveiro, co pasamento de Nelson Mandela, premio nóbel da Paz, presidente de Surafrica e principal líder da loita contra o  apartheid .

Pois ben, o alumnado de 1º da ESO escoitou do propio autor cales foron algunhas das razóns que o motivaron para artellar esta narración, que no ano 2012 recibiu o premio Merlín. Para iso, iniciou a charla-coloquio cunhas imaxes que, en parte corresponden ás ilustracións do libro, e, outras, que a el o impresionaran cando as viu nunha revista e que ilustraban a miseria dalgunhas tribos africanas cando tiñan que aproveitar os restos das formigas ao redor dos termiteiros e, a partir de aí foi afondando en diferentes cuestións de tipo cultural, usos, costumes, crenzas, etc. ata obter o produto xa coñecido pola maioría do alumnado.

Recordounos que o libro é unha homenaxe aos nenos e mulleres africanas que en pleno século vinte e un viven nesas tribos, moitas delas alleas ao poder político oficial dos diferentes estados, sexan estes “pobo” senegalés, congoleño ou angoleño, e moitos outros

p1010460.JPG

Libros,autor e lectores entusiasmados 

En palabras da editorial, Edicións Xerais, -que, dito sexa de paso, foi a que nos brindou a oportunidade de contar no Instituto con Marcos-, o relato “é unha viaxe cara ao interior do continente africano e da súa cultura, mais  tamén un camiño iniciático cara á madurez”.

En esencia, Marcos presentounos a situación que sofren case todas as tribos africanas a causa da seca, os incendios intencionados das multinacionais para arrasar coa flora e fauna e así sementar soia, as loitas étnicas que acaban dexenerando en verdadeiros xenocidios, desprazamentos masivos e a inmigración que desde o Sahel chega ata o Mediterráneo para aquí atoparse coa barreira infranqueable da incomprensión e a falta de solidariedade dos estados “ricos”.

Polo tanto, case podemos dicir, que se presentou unha análise sociolóxica de África a través dunha historia sinxela protagonizada por Amadou e a súa familia, que son vítimas da fame, da explotación laboral, e da hipocresía dos estados que miran para outro lado, ou mesmo da natureza que lles é adversa.Como exemplo máximo desta explotación extrema está a que protagoniza o irmán de Amadou cando é secuestrado por soldados e sofre unhas durísimas condicións de inseguridade laboral cavando e carrexando “as pedras negras”  (o coltan), mineral moi prezado na actualidade polo alto valor de mercado ao ser básico para a fabricación de móbiles. Por iso o autor,como querendo lanzar un SOS á nosa conciencia, nos recordou que, en certo modo as sociedades  maís “desenvoltas”  teñen unha parte de culpabilidade porque “todos os móbiles levan no seu interior algunhas pingas de sangue humano” e, o que é peor, de “sangue novo”.

Aínda quedou un momento para o lecer cunha animada sinatura de libros e autógrafos e o desexo de que o espirito de Madiba perdure ata o infinito e máis alá.

p1010462.JPG

Non había présa por ir ao recreo

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

A contorna do CASTRO como recurso didáctico

Publicado o 2 Decembro, 2013 na sección Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Lingua e Literatura galegas por Xulio Dobarro

p1010443.JPG

O alumnado de 3º de ESO C accedendo ao recinto amurallado

O curso pasado non se chegou a realizar esta actividade porque ao estar programada para o mes de maio sempre presenta dificultades por ser datas próximas á fin de curso. Por iso, este ano se anticipou ao veraniño de San Martiño para ver a cara do outono no monte do Castro. Son os grupos de 3ª da ESO os que tradicionalmente veñen realizando esta actividade e que consiste esencialmente nunha reflexión sobre o máis próximo e, en particular, sobre aquilo que  -que é moito-   nos fala da orixe da cidade, da súa historia, da súa paisaxe, do seu pasado e presente, do patrimonio vexetal e arquitectónico e outras moitas curiosidades.

Pois ben, a tarefa consiste na resolución dun cuestionario que o alumnado deberá responder segundo unha serie de puntos de interese. Estes puntos de interese arrancan do xardín do Instituto, desde onde deberá situar o centro con respecto aos puntos cardinais e dar detalle sobre unha serie de árbores e froitos do recinto. De seguido achéganse ata a igrexa da Soedade na que, entre outras observacións, deberán explicar o estilo arquitectónico, recoñecemento das letras do frontis e o número áureo.

Na aba do Castro atopamos as escavación iniciadas por X. Mª. Álvarez Blázquez, e que serven como reflexión sobre as orixes da cidade e a romanización. Nun nivel intermedio ubícase o momumento homenaxe sobre a batalla  de Rande (1702) e lles vale como reflexión sobre a lenda que rodea os galeóns que viñan cargados de metáis nobres e especias das “Indias”, e,como non, a referencia a X. Verne que incluíu na súa obra “Vinte mil leguas de viaxe submarina” á enseada de Rande.

p1010449.JPG

En primeiro plano a demolición do Castillo

Non foi coincidencia, senón unha oportunidade única para ver como, na medida do posible, as cousas mal feitas deben ser corrixidas. Referímonos á demolición e traslado do que foi un lugar de culto gastronómico, o restaurante El castillo, que despois de moitos tiras e afrouxas, finalmente está sendo derrubado para que quede visible a muralla do que foi unha fortaleza case única do séc. XVIII, segundo testemuño do arquitecto vigués Jaime Garrido. Como non podía ser menos, e considerando que o edificio, sen ser extraordinario tampouco era un adefesio, ponse de manifestó como por enriba do custe  debe prevalecer  a historia e o respecto polo patrimonio.

De camiño, e aproveitando que xusto debaixo  se atopaba un busto de Curros Enríquez -que tamén foi trasladado aos xardíns do Areal para darlle maior visibilidade-  e que estamos no paseo de Rosalía de Castro, cheo de coches, coméntase a importancia que tiveron estes autores para as letras galegas e de maneira especial no Rexurdimento  e a necesidade de convertir en peonil todo o monte.

Pasamos ao lado do estanque ao que tantas veces sendo nenos lles foron dar de comer aos parrudos, escoitar as rulas e pombas que peteiran ao seu redor e, de aquí ao interior do recinto amurallado ata chegar ao punto máis alto, despois de deixar á nosa esquerda o monumento á memoria histórica dos que foran fusilados cando a Guerra Civil. Desde o mirador orientado á Ría procuramos identificar os puntos geográficos máis relevantes: Cíes, O Morrazo, Rande, A Guía, etc.

p1010452.JPG

Alumnado de 3º ESO B accedendo ao recinto amurallado

De volta ao Instituto detémonos á beira do monumento a Martín Códax e aproveitamos para reflexionar sobre os xograres da Ría de Vigo da lírica medieval. Ademais, en dirección sur-oeste tamén se aproveita para analizar a paisaxe nas diferentes manifestacións en canto a altitude e orografía: O Galiñeiro, Alba,Cepudo, O Lagares, Val do Fragoso,etc.  Cando xa transcorreron  case tres horas, entramos no centro coa idea de que é moi importante coñecer este patrimonio tan noso,tan cercano -e ás veces tan descoñecido-,  e así respectalo e conservalo para nós e as xeracións vindeiras

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Ledicia Costas co alumnado de 3º da ESO

Publicado o 14 Maio, 2013 na sección Actividades, Lingua e Literatura galegas por Xulio Dobarro

 A avogada e escritora  viguesa Ledicia Costas compartiu a súa experiencia de escritora co alumnado de 3º da Eso, iniciando así algunhas das actividades que ao longo desta semana se programaron para a celebración das Letras Galegas. Os temas que aborda na novela son de máxima actualidade pola referencia máis clara ao acoso escolar, ciberacoso, adolescencia e sexualidade.

p1010283.JPG

Un momento da intervención da escritora na sala de conferencias

p1010287.JPG

LEDICIA COSTAS ASINANDO NO LIBRO DE VISITAS DA BIBLIOTECA

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Do Castro a Castromao-Celanova

Publicado o 9 Maio, 2013 na sección Viaxes, Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Zona Alumnado, Lingua e Literatura galegas por Xulio Dobarro

foto0117.jpg

Un grupo de alumnas na casa dos Poetas/ Antigo fogar de M.Curros Enríquez

Todos os cursos académicos son moi semellantes,pero este reúne algo especial, porque se celebra o vixésimo aniversario da apertura de curso aló polo ano 1993, tal e como se pon de manifesto pola ampla mostra fotográfica que recobre as paredes dun dos corredores con imaxes desta curta pero densa historia.

Pois ben, para unirnos a esta efeméride non podiamos esquecer unha actividade moi vencellada á biografía  do centro, como é a visita interdisciplinar á comarca de Celanova, e desta xeira a Allariz e Ourense co alumnado de 3º da ESO.

Nesta edición. a xornada celebrouse o día 7 de maio, agardando pola primavera florida e os días máis longos.

En cursos pasados, a tradición marcaba a chegada ata a Baixa Limia por terras do Xurés no concello de Lobios para refrescarnos a memoria romana coa Vía Nova, o baño  en Río Caldo e o xantar no encoro das Conchas. Este día optouse por recortar a distancia e quedarnos por terras de Celanova, entre outras razóns polo terreo enchoupado e a lonxanía da fronteira portuguesa.

Cando eran as dez da mañá estabamos escoitando as campás da igrexa do mosteiro de San Salvador de Celanova e repartíndose o alumnado  en dous grupos para uns visitar o recinto monacal e outros a Casa dos poetas. Os dous lugares de referencia da vila, xa que entre as súas paredes se toman a maior parte de decisións con respecto á vila nos aspectos culturais, políticos e relixiosos.

foto0120.jpg

Nas termas de Outariz

A visita ao mosteiro inclúe unha explicación  de tipo histórico e, sobre todo arquitectónico,dos claustros, o retábulo barroco ou os coros de feitura moi interesante. Este ano, ademais, como coincidiu a visita co horario escolar do Ies de Celanova,  tamén se realizou un percorrido polo famoso Claustro do Poleiro e a Biblioteca, que foi do mosteiro, e impresiona polo seu tamaño e os andeis barrocos en madeira de castiñeiro -Algún case se creu que podía ser a de Howards-.

O recinto monacal, á parte das múltiples actividades que se desenvolven nel, inclúe, nun espazo anexo, que foi horta do mosteiro, a capela mozárabe de San Miguel, -a xoia da coroa-, e unha rocha curiosa da que se teñen dado diferentes interpretacións, se de lugar de cultos pagáns para algún ritual ou ben, simplemente, para uso doméstico (lagar).

Na Casa dos poetas, que pertenceu á familia de Curros, e funciona a xeito de lugar de pequenas exposicións e con información relativa ao poeta por excelencia de  Celanova, tamén  inclúe unha pequena mostra de paneis relativos á biografía e obra do autor, así como algún retallo da obra de Celso Emilio Ferreiro e do que foi presidente da Real Academia Galega, X. L. Méndez Ferrín, poeta e narrador moi vencellado á localidade cercana de Vilanova dos Infantes, lugar no que se venera a virxe do Cristal e que de seguido nos mostraría o crego da parroquia a imaxe conservada e que serviría a Curros para compór o famoso poema narrativo da Virxe do Cristal.

foto0114.jpg

Na horta do mosteiro ao pé da capela de san Miguel

A sorpresa da xornada estivo na decisión de ir repoñer forzas á vila cercana de Allariz, xantar ao pé do río Arnoia, desfrutar da harmonía desta vila que foi recoñecida en 1994 co premio europeo de urbanismo e de seguido encemiñarse cara a Ourense cidade.

O serán estaba, en certo modo, reservado para o lecer e o paseo pousado polo casco vello da cidade das Burgas, pero, tamén había que contar con algún imprevisto; como así foi.

Cando iamos todos decididos a mergullarnos nas novas Burgas públicas, habilitadas para o baño no centro da cidade, a sorpresa e decepción foi total porque xusto ese día fora escollido para reformas. Había que buscar outra alternativa, pasada por auga. Cal? Pois, nesta ocasión,  a solución era doada, dada a abundancia de recursos termais da cidade.

Foi deste xeito como decidimos trasladarnos á ribeira do Miño e achegarnos ata as termas da Chavasqueira e de seguido ás de Outariz, onde se deu cumprida satisfacción ao baño termal, logo dun interesante pero non curto percorrido á beira do río. A xornada remataba entre lusco e fusco cando chegabamos ao Castro.

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Campaña de Divulgación, OMBÚ=ÁRBORE SENLLEIRA

Publicado o 5 Xuño, 2012 na sección Lingua e Literatura galegas, Taboleiro Transversal por Isabel Flores

No IES do Castro estamos levando a cabo unha campaña de divulgación ou concienciación entre a comunidade escolar. O obxetivo final é solicitar que o Ombú do noso xardín pase a estar no Catálogo de “árbores senlleiras” de Galicia, da Consellería de Medioambiente e Medio Rural.

cartel-ombu-peq.JPG

Este catálogo inclúe as árbores ou as formacións de calquera especie, tanto autóctona como foránea, situadas en terreos de propiedade pública ou privada, que sexan ‘merecedoras de medidas específicas de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, dendrometría, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecentes dunha especial protección’ (Decreto 67/2007, do 22 de marzo de 2007, DOG 74). A finalidade do catálogo é ‘protexelos de posibles riscos e ameazas, garantindo a súa conservación’

 

Neste momento, a táboa recolle 147 árbores e 31 conxuntos. Algunhas especies senlleiras de Vigo son a Camellia japonica (Matusalén de Camelias do Pazo de Castrelos), Casuarina equisetifolia (Casuarina da Alameda da Praza de Compostela), Eucalyptus globulus ( Eucaliptos do Pazo de Castrelos), Fagus sylvatica (Faias do Pazo de Castrelos), Liriodendron tulipifera (Tulipeiro de Virxinia do Pazo de Castrelos) e Olea europaea (Oliveira do Paseo de Alfonso XII).

 

Arredor deste 5 de xuño, día do Medioambiente recolleremos sinaturas entre a comunidade escolar.

 

Tamén queremos protección para o noso Ombú.

Axúdanos a que o Ombú se sume a lista!

 

Alumnado Axenda 21

IES do Castro, Vigo

 omb_-7-peq.JPG

ombu8-peq.JPG

la-fotopeq.JPG

Máis fotos e algunha información nun blog en construcción

http://castrogalego.blogspot.com.es/

 poster-texto.pdf

 

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Convocatoria do Concurso de Relatos Curtos

concurso_relatos_curtos.jpg

 

 Clique na imaxe superior para ver as Bases e Normas

Related Posts with Thumbnails
Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo