Do Ies do castro a Castromao-Celanova-Ourense

Publicado o 10 Maio, 2015 na sección Taboleiro Transversal por Xulio Dobarro

 A visita a Celanova e á cidade de Ourense do alumnado de 3º da Eso véñen a cumprir cunha tradición e un compromiso adquirido desde hai tempo con esa vila e esa cidade.O que naceu xa hai moitos anos co título que figura enriba e que incluía un percorrido desde a Baixa Limia ata Celanova, despois de ter pasado polo encoro das Conchas e a visita ás escavacións do campamento romano de Aquis querquernis, tense alterado por novas ofertas na vila dos poetas: Celanova. Será por aquilo que xa nos advertira o poeta C. Emilio

Alma da terra

Lonxana Celanova vinculeira,

torre ebúrnea da miña mocedade,

cando te lembro sai da súa toqueira

coma un furón de soños, a saudade.(Caracas, 1971)

img_20150507_104534.jpeg

                                                                                                                                                        Recepción no claustro barroco

As razóns son obvias. Por un lado, Celanova reúne os suficientes elementos de interese histórico e literario como para ser tida en conta nunha actividade extraescolar deste alcance, e, por outro, a capital da provincia, como cabeceira do turismo termal, axuda a completar unha xornada na que se complementan a curiosidade cultural co lecer, sen menosprezar a importancia da Baixa Limia polo que representa desde o punto de vista natural (Parque natural do Xurés) e histórico (Santa Comba de Bande), vía romana nº XVIII(Bracara-Augusta), etc. A xornada non dá máis de si.

img_20150507_105534.jpeg

Interior da capela de San Miguel

Pois ben, o día foi o 7 de maio, porque así nos foi adxudicado pola organización, desde o momento en que na visita tamén se inclúe un concerto didáctico, aproveitando que a igrexa de Celanova acolle entre as súas paredes, no coro alto, un dos órganos máis antigos de Galicia e que se leva a cabo en colaboración co conservatorio superior de música de Ourense.

A xornada organízase formando dous grupos para que cada un deles poida aproveitar o mellor posible as diferentes fases da actividade. De tal maneira que unha vez concentrados na praza maior da vila, un dos grupos diríxese á Casa dos poetas-Curros Enríquez e o outro ao mosteiro de San Salvador.Non foi posible visitar a Biblioteca do Instituto Celso E. Ferreiro,espectacular, porque conserva parte da estrutura do que no seu tempo foi para uso dos monxes, porque naquel momento estaban en clase, e só se puido ver unha pequena mostra do claustro do Poleiro, premio Europa Nostra de restauración hai moitos anos, cando se adaptaron as instalacións do mosteiro ás necesidades dun centro de ensino.

img_20150507_112421.jpeg

Concerto didáctico

O grupo que entrou en primeiro lugar ao mosteiro inicia o percorrido cunha introdución histórica ao recinto e que pon de manifesto a grandeza do mosteiro no seu tempo e o que aínda hoxe segue a ser o centro neurálxico da comarca, xa que este acolle todos os servizos administrativos do concello, o instituto, rectoral, etc. Pero, quizais, de entre todo destaque o que está escondido na horta, a capela de San Miguel, levantada no ano 943, como lugar de oración, -de aí tan pequenas dimensións- e que é un exemplo singular da arte mozárabe en Galicia.

No interior da igrexa chama a atención un extraordinario retábulo e a cúpula da mesma . Omitíronse nesta ocasión certos detalles relacionados co coro baixo, a sacristía e reliquias que conserva a igrexa, porque, como é sabido, aínda nestes días e despois de ter transcorrido máis de un mes do asasinato do crego de Vilanova, don Adolfo, debiamos participar na gravación dun breve recitado do poema da Virxe do cristal, lenda que recollera o poeta M. Curros Enríquez, e que formará parte dun traballo audiovisual en homenaxe a esa persoa que tantas veces se brindou a mostrarnos a imaxe da virxe a todos aqueles que en veces anteriores tivemos a oportunidade de tela nas nosas mans.

Pouquiño a pouco os ollos fóronselle pechando,

doíñas acendidas na lus dun puro amor,

i á Virxen entre dentes unha oración rezando,

quedouse adormecida nun sono encantador.

 

Estonces, unha Señora

toda de lus rodeada,

de estreliñas coroada

que como diamantes son,

cun mantelo na cabeza

de pano negro, moi lindo,

caladamente, surrindo,

entrou pola habitación.

 

Nunca se víu neste mundo

máis feiticeira criatura,

nin pra tan grande hermosura

comparación pode haber:

por ollos ten dous luceiros,

por dentes pelras dos mares,

por greñas raios solares,

                          por risa… un amañecer. (Recitado por Yago Radziunas) 

 

 

img_20150507_134656.jpeg

Torre da homenaxe.Vilanova dos Infantes

 

Co bulicio na praza maior, entre verzas, repolos, ceboliño, árbores de distintas especies e olor a polbo, -é día de mercado na vila- encamiñámonos á casa de Curros. A reflexión sobre Celanova como vila de poetas queda demostrada con esta visita na que se mostra un breve percorrido biográfico sobre Curros e Celso Emilio, así como o seu digno sucesor, X.L. Méndez Ferrín, que pasea polas rúas da cidade olívica pero con raíces en Vilanova.

 

Sen perder o tempo e para cumprir con parte do ritual, aínda que nesta ocasión sen poder ver a imaxe da Virxe do cristal, si iremos a Vilanova para subir ao que queda do antigo castelo medieval, a torre de homenaxe, e o primeiro que chama a atención é a presenza das forzas da orde, no lugar onde antes nos recibía don Adolfo, e varios lazos de lembranza nas fiestras das casas en sinal de loito e unha grande pancarta no centro da “urbe” pedindo xustiza. Pequeno percorrido polas rúas, moitas, e observación dalgun que outro exemplo de feísmo como a construción dalgunha casa sobre o que foron as murallas de núcleo tan antigo. Extra muros visitamos a adega de San Vivián, un exemplo de enxeñaría soterrada onde se expoñen moitas ferramentas que utilizaban os zapateiros, como localidade moi vencellada á fabricación de calzado que foi Vilanova, e a lenda de que estas covas pudieron ser empregadas como refuxio de xudeus ou fuxidos cando as épocas de represión.

 Con máis fame que ganas de andar, dirixímonos á cidade de Ourense para repoñer forzas e desfrutar dunha xornada de lecer. Á sombra das árbores centenarias da alameda da cidade e a carón das Burgas, por onde E. Blanco Amor fixo transitar os seus esmorgantes, a maioría aproveitou para comer e descansar e de seguido dirixirse ás termas de Outariz para completar a xornada. 

img_20150507_182506.jpeg

Nas termas de Outariz

Related Posts with Thumbnails
Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo