O alumnado de 3º celebra o ano internacional dos bosques

Publicado o 22 Novembro, 2011 na sección Taboleiro Transversal por Xulio Dobarro

 p4265727.JPG

 Iniciando a xeira con sorpresas: as píntegas no chan, os eucaliptos ameazantes

O pasado xoves 10 de novembro, coincidindo coa semana do San Martiño, e antes de que remate o presente ano, por ser este “O ano internacional dos bosques”, un amplo grupo de profesores e todo o alumnado de 3º da ESO do Instituto en colaboración coa COMUNIDADE DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN DE SAN SALVADOR DE CORUXO trasladámonos ata ese monte para transmitirlles ás novas xeracións a importancia que ten a conservación do monte, para nós non tanto polo valor material, senón máis ben polo valor inmaterial.
A xornada estivo precedida da documentación necesaria para que ademais da información que lles facilitarían alí os gardas forestais xa soubesen minimamente do que se trataba. A andaina partiu sobre as 11 da mañá desde o lugar da ASOCIACIÓN, despois que aquí lles presentaron os gardas algunhas consideracións previas e visen o funcionamento da máquina empregada para a trituración da biomasa,  para dirixirse pola aba sur do monte en dirección ao parque forestal de San Miguel de Oia, observar algunha zona de moita vexetación alóctona (eucalipto e acacia negra) e outras de frondosas que están sendo reintroducidas.

 p4265725.JPG

 Caras coñecidas no camiño: aproveitando o patrimomio inmaterial

Ao mesmo tempo puideron desfrutar de extraordinarias vistas sobre a Ría e  de identificación de distintas especies arbóreas (castiñeiro, carballo, freixo, érbedo, capudre, etc), así como outras curiosidades relacionadas co aproveitamento do monte para o lecer (arte rupestre, actividades deportivas que se poden desenvolver, paisaxismo, etc).
Sobre o mediodía chegamos ao punto máis elevado do percorrido, o monte Maúxo (453 m), e aquí puideron observar a paisaxe outonal coa follaxe en distintas tonalidades, os cogomelos recén saídos da terra, e unha mámoa ben localizada no lugar coñecido como a Chan grande (relacionar este topónimo co de Chan da lagoa, Chan da arquiña, etc), e para concluír a mañá subir ata o cumio  máis alto e desde alí dominar toda a contorna da cidade en todas as direccións ou mesmo chegar a albiscar ata a ría da Arousa.

Despois de repoñer forzas no parque forestal de Coruxo, descansando e comendo, aínda que a choiva ameazaba  a xeira, iniciamos o descenso do monte pola cara leste en dirección a un dos lugares mellor recuperados e conservados do monte: A regueira de Laxiade. Aquí aproveitamos para recordarlles aos alumnos que se trata dun espazo con  frondosas (abelairas, amieiros, carballos, castiñeiros, etc.), algunhas das cales recuperaron a zona de xeito espontáneo e outras foron plantadas para evitar a substitución total pola acacia negra e o eucalipto.
Como anécdota, contar que se aproveitou o lugar para aclarar a diferenza entre o bugallo/carrabouxo e a landra dos carballos e para observar algunhas pegadas de píntegas ou xabaríns.
Xa para rematar o percorrido, achegámonos a un dos lugares máis emblemáticos desde o punto de vista artístico, “O petroglifo da Pedramoura”, onde quedan as pegadas de tantos anos atrás, aínda que o seu estado de conservación sexa crítico.
A xornada remata co regreso ao Instituto, logo de recordarlles que aquí se conservan, entre outras, algunha mostra arquitectónica moi importante como é a igrexa de arte románica de San Salvador de Coruxo, e de arquitectura popular: cruceiros, muíños, pombais ou hórreos que poñen de manifesto a importancia que tivo a agricultura na parroquia.

p4265729.JPG

María e Amaia saborean os amorotes dos érbedos

Related Posts with Thumbnails

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo