Do IES do Castro a Castromao

Publicado o 17 Maio, 2008 na sección Lingua e Literatura galegas, Normalización e Dinamización Lingüística por Xulio Dobarro

celanova.jpg

Piscina ao pé do Río Caldo

O mes de maio, á parte do mes das flores,das Letras galegas, da primavera, da internet, xa Manuel Curros Enríquez nos anticipara no século XIX que a feira non é vista da mesma maneira por uns ou por outros.Para uns representa o amor, a felicidade,a abundancia pero para outros significa inxustiza, fame, miseria,etc. Pois ben, cando teñen transcorrido máis de cen anos desde a publicación do MAIO do vate de Celanova, aínda hoxe moitas das súas denuncias seguen en pé aínda que se manifesten de xeito diferente.Isto vén a conto do que imos contar a continuación e por que a obra de Curros se pode considerar de plena actualidade.

Vilanova

Santa Comba de Bande

Mosteiro Celanova

 

A devoción profesada por este centro, desde a súa fundación aló polo ano 1993, á vila de Celanova e a súa contorna non podía este ano 2008, precisamente, deixar de cumprir co ritual da actividade interdisciplinar desenvolta ao longo de case todos estes anos de xeito continuado. E digo precisamente porque como xa é sabido este ano celébrase con diversos actos organizados pola fundación Casa dos poetas de Celanova e en colaboración coa Real Academia Galega o centenario do pasamento do poeta cívico por excelencia da historia da literatura galega, Manuel Curros Enríquez. Pois ben, na casa natal do poeta, hoxe felizmente restaurada para dar a coñecer a súa obra e a de outros escritores vencellados á vila, non só polo lugar senón tamén pola súa temática, é dicir, a produción lírica de Celso E. Ferreiro e de X.Luis Méndez Ferrín, vén de inaugurarse unha exposición sobre diversos motivos relacionados coa vida e a obra de M. Curros Enriquez, aínda que el inxustamente non fose o que máis disfrutase do lar onde nacera debido aos desencontros producidos co seu pai, de carácter algo autoritario segundo algúns, pero que non tivo porque ser así, segundo outros. O caso é que o bardo desertou das comodidades do fogar familiar por outra vida lonxe de Celanova á que voltaría en máis de unha ocasión, pero que para el era prioritaria a satisfacción da liberdade.A devandita exposición conta con motivos vencellados ao poeta que foron cedidos pola Real Academia Galega e, entre outros, por exemplo poden verse algúns dos poucos obxectos persoais, manuscritos e edicións de libros que resultan todos eles moi escasos pola vida un tanto viaxeira que sufriu o poeta e por iso é de agradecer que se poidan admirar cartas manuscritas,os lentes que son da herdanza familiar, pero, de maneira especial a bendeira galega na que foi envolto o féretro que o trasladaría desde A Habana ata a cidade da Coruña, onde foi enterrado logo de ser reclamados os seus restos mortais, porque nesa mesma cidade se lle rendera unha homenaxe popular en vida, con imposición de coroa incluída, elaborada en ouro e prata e que se pode ver nesta mesma mostra. A coroa contén como motivos simbólicos as follas de loureiro de tradición grega e as follas de carballo e as as landras pola identificación de Galicia con esta árbore, máis unha especie de moeda coa efixie do poeta e a lira como representación da poesía, o escudo de Galicia e unha inscrición “Galicia a su poeta”. Para os que queiran achegarse ata esta exposición, dicir que permanecerá aberta ata o mes de xullo incluído e que pode ser unha boa ocasión para renderlle tributo ao poeta que tan ben soubo denunciar as inxustizas e recoller as tradicións de Galicia nun momento que non resultaba moi doado. A proba diso é que o seu libro “Aires da miña terrra” (1880) fora denunciado por herexía polo bispo de Ourense.

Campamento romano Aquis querquernis Monumento a Curros en Celanova

 

Polo tanto, cremos que foi unha visita afortunada a deste curso, por facer coincidir todos estes elementos con outra situación que xa se comentou entre o alumnado de terceiro da ESO e que ten que ver co traslado do busto do poeta ata agora localizado na curva do paseo de Rosalía de Castro no Castro de Vigo en homenaxe a Curros por parte da cidade de Vigo e que voltou a un lugar próximo ao que fora o seu asentamento inicial na Alameda, en desagravio polo que se considerou unha decisión política desafortunada ao ubicalo nese lugar. Como di o refrán popular: “Nunca chove a gusto de todos”, e neste caso sucede algo parecido, porque o traslado deixa un oco nun itinerario didáctico e interdiscipinar que se completaba, entre outras, coas necesarias referencias a Xosé Mª. Álvarez Blázquez por ser este o iniciador das escavacións de orixe castrexa e romana na aba do Castro. Que todo sexa polo ben da poesía e polo coñecemento da obra do homenaxeado.

Todo iso e o que vén a seguir foi o que puido disfrutar o pasado día 14 de maio o alumnado de 3º da ESO, nun percorrido intenso desde o Instituto ata as terras da Baixa Limia (antiga fronteira de Portela do Home), cunha primeira parada en Rio Caldo, concello de Lobios. ¿Por que aquí tan lonxe, despois de saír de Vigo ás oito da mañá, dúas horas de autobús e un día de choiva? Pois, sinxelamente porque cremos que é un percorrido que desde calquera punto de vista que se queira enfocar nos parece rendible pola riqueza patrimonial que encerra: arte, paisaxe, tradición, flora, fauna, lecer, natureza,lingua,etc.

A primeira actividade consiste en realizar un itinerario andando pola que se coñece como vía romana número XXVIII ou Antonina (con orixe na Lusitania, Braga,continuaba ata Astorga), despois de deixar atrás un conxunto de miliarios que fan referencia á distanza que separaba a cidade de Roma dos distintos lugares do Imperio, e chegar ata Río Caldo onde, logo de deixar á nosa esquerda as pegadas dunha antiga casa de labranza romana no lugar que se coñecía como de Aquis Originis , e a pesar do día frío e chuvioso, algunhas persoas puideron disfrutar dun baño termal ao aire libre e mesmo algúns se atreveron coa auga do río. Este traxecto ten un engado especial porque estes días a paleta de calquera pintor se quedaría pobre ao lado das cores que se ven ao redor pola flora e fauna que está na súa máxima expresión: xestas amarelas e brancas, codesos, carqueixas,toxos que case non se ven pola flor, uces de cor maxenta cos carrascos e carpazas mesturados coas árbores (cerdeiras,freixos, amieiros, salgueiros, abelairas, castiñeiros, sobreiras,ou acivros son algunhas das máis abonsosas), ou os érbedos que empezan a madurecer os seus froitos. Dicía tamén a fauna porque alí puidemos observar unha estampa moi curiosa. Por un lado, as instalacións dun hotel de varias estrelas e, por outro unhas vacas de raza autóctona cachena pastando ás portas daquel. Maior integración de tradición e modernidade sostibles case imposible, porque a sensación de quietude que debe experimentar a persoa que se atopa disfrutando dun baño na piscina e ao mesmo tempo escoitar os paxaros ou as vacas pastando ao seu redor debe resultar cando menos pintoresco.Pois, todo iso é posible e e existe e por iso cremos que está xustificado o desprazamento ata alí para interpretarmos Galicia desde unha perspectiva diferente, nova aos ollos de moito alumnado.

É o momneto para chegar ata o encoro das Conchas, logo de deixar a un lado Santa Comba de Bande (igrexa case única en Galicia de arte visigótica), visitar o centro de interpretación que se atopa neste lugar e pasear sobre as escavacións do campamento romano de Aquis Querquernis.Neste punto estase a desenvolver unha intensa actividade arredor das escavación romanas que teñen como principal foco de interese unha reconstrución dun campamento romano,unha mansión romana e toda a información necesaria para entender a conquista romana de Galicia. Era a hora de repoñer forzas e aproveitar para comer ao aire libre e ver ao outro lado do encoro as terras do concello de Muiños, onde se dixo tamén que se conservaban importantes mostras de arquitectura castrexa, o dolmen de Maus de Salas.

San Miguel de Celanova

O serán non ía estar exento de interese -dito sexa de paso, para uns maís que para outros-. Houbo que repartirse para que a visita resultase o máis didáctica posible para os que tivesen curiosidade. Dous profesores con cada un dos grupos se dirixiron uns ata Vilanova dos Infantes, onde se puido ver a imaxe tan venerada da Virxe do Cristal, motivo de inspiración do poema de Curros e mais o Centro comarcal que ten as súas dependencias nunha antiga torre de homenaxe medieval de considerable altura para o que eran aqueles tempos e as dificultades construtivas que debeu supoñer para os canteiros colocar pedra sobre pedra en muros de dous metros de ancho e coas pedras marcadas para poder percibir a soldada en función das pedras traballadas.Acolle unha maqueta d0 castro de Castromao, que é un dos máis grandes de Galicia e do que se teñen realizado varios traballos de investigación, ademais de réplicas de orixe castrexa e romana que foron atopadas na contorna de Celanova, por exemplo a que fai referencia ao pacto entre romanos e castrexos que habitaban Castromao. Neste centro comarcal tamén se nos informa que este núcleo de Vilanova dos Infantes foi concello e había algunha actividade artesanal de certa relevancia: a de zapateiros e panadeiros. Como proba desta forte tradición e a boa conservación do lugar estase a organizar todos os anos unha feira de artesanía que mobiliza a milleiros de persoas e que xustamente se celebra coincidindo coas Letras Galegas.

A outra metade do alumnado aproveita para visitar en primeiro lugar o mosteiro de San Salvador que non deixa de impresionar pola súa superficie e grandiosidade dos claustros gótico e bárroco e adentrarse na igrexa para desfrutar dos retábulos e columnas salomónicas que o enmarcan, e outros detalles relevantes como a cúpula ou o coro e o órgano que está considerado como un dos máis importantes de España do s. XVIII. Neste marco incomparable saen a relucir outros detalles interesantes como que este mosteiro serviu de cárcere durante o período da dictadura e que aí pasou algúns días o insigne poeta de Celanova, Celso E. Ferreiro, e para a súa desgraza inspiroulle o poemario de Longa noite de pedra, e que algúns aínda correron peor sorte ca el cando foron paseados (asasinados) ata un lugar cercano en dirección a Xinzo da Limia, o monte Furriolo.

No mesmo recinto do mosteiro descóbrese a que é considerada como mostra singular da arte mozárabe en Galicia, capela de San Miguel. Sorprende polo seu tamaño reducido e polas pegadas de orixe árabe: arco de ferradura, pinturas xeométricas sobre cal branco, xanelas pequenas e luminosidade reducida, etc. A aclaración que procede para comprender esa superficie é que era unha capela case persoal para rezar San Rosendo,fundador do mosteiro aló polo ano 1000, e, polo tanto non precisaba maís amplitude.

Case a fume de carozo, logo de saír do mosteiro, o grupo encamiñouse á Casa dos poetas e así poder completar a xornada coa visita á exposición “Na frente unha estrela”, que ten como motivo central a biografía e a obra de Currros Enriquez da que xa falamos ao comezo.

De volta a Vigo, o grupo aproveita para admirar as paisaxes de bocarribeira do Miño inzadas de mimosas; outeando ao lonxe a casa museo de Otero Pedrayo polos Chaos de Amoeiro ou as vides na comarca do Ribeiro, e a presenza do encoro de Castrelo tráenos ás mentes que xa é o cuarto encoro ao que nos referimos hoxe despois de ver: Lindoso e As Conchas no río Limia (de estar así cando chegou D. Xunio Bruto a Galicia resultaríalle ben máis doado cruzalo e non tería que facer alardes de valentía diante dos seus soldados) e Maus de Salas (Río Salas). A comarca do Paradanta despídenos da provincia de Ourense (A Cañiza) e descendemos engordiño polos concellos de Covelo, Ponteareas, O Porriño e Mos ata o Val do Fragoso e a cidade de Vigo que nos acolle con choiva e algo máis de ruído cós lugares que deixamos atrás.

Related Posts with Thumbnails

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo