Club de Lectura IES do Castro
Desde a presentación ao concurso de proxectos para a creación de clubs de lectura en centros dependentes da Consellería de educación, o IES do Castro veu traballando primeiro para que lle fose concedida a axuda económica e a partir de aí na captación de persoas vencelladas á Comunidade educativa do centro que manifestasen interese pola lectura.
O primeiro grupo xa está a traballar con alumnado de ESO e para iso entregáronse o xoves 14 de febreiro os primeiros exemplares da novela “O neno do pixama a raias” en edición galega e castelá. O vindeiro xoves vinte e catro deste mes temos a posta en común para abordar aspectos vinculados á obra.
A intención do club é que se sumen máis persoas para constituír diferentes grupos de traballo, é dicir, que puidera haber, como mínimo outro grupo de alumnado de Bacharelato, e outro de nais/pais. Así que desde aquí a nosa chamada de atención sobre todos os colectivos implicados na tarefa de ensinar e aprender para que entre todos contribuamos a mellorar os resultados na expresión e comprensión lectora. Non nos cabe a menor dúbida que na medida que se perfeccionen estas dúas tarefas estaremos a mellorar os resultados xerais de aprendizaxe.
Calquera persoa vencellada por algún motivo ao centro e que estea interesada na dinamización da lectura que non dubide en poñerse en contacto coas persoas responsables da Biblioteca porque seguramente serán atendidas as súas suxerencias ou peticións.
Os pasos que se están a dar no presente curso académico en relación co plan lector/club de lectura iniciáronse coa creación das bibliotecas de aula de 1º e 3º de ESO e agora centraremos os esforzos,tanto materiais como humanos, na dinamización do club de lectura.













