Do Ies do castro a Castromao-Celanova-Ourense

Publicado o 10 Maio, 2015 na sección Taboleiro Transversal por Xulio Dobarro

 A visita a Celanova e á cidade de Ourense do alumnado de 3º da Eso véñen a cumprir cunha tradición e un compromiso adquirido desde hai tempo con esa vila e esa cidade.O que naceu xa hai moitos anos co título que figura enriba e que incluía un percorrido desde a Baixa Limia ata Celanova, despois de ter pasado polo encoro das Conchas e a visita ás escavacións do campamento romano de Aquis querquernis, tense alterado por novas ofertas na vila dos poetas: Celanova. Será por aquilo que xa nos advertira o poeta C. Emilio

Alma da terra

Lonxana Celanova vinculeira,

torre ebúrnea da miña mocedade,

cando te lembro sai da súa toqueira

coma un furón de soños, a saudade.(Caracas, 1971)

img_20150507_104534.jpeg

                                                                                                                                                        Recepción no claustro barroco

As razóns son obvias. Por un lado, Celanova reúne os suficientes elementos de interese histórico e literario como para ser tida en conta nunha actividade extraescolar deste alcance, e, por outro, a capital da provincia, como cabeceira do turismo termal, axuda a completar unha xornada na que se complementan a curiosidade cultural co lecer, sen menosprezar a importancia da Baixa Limia polo que representa desde o punto de vista natural (Parque natural do Xurés) e histórico (Santa Comba de Bande), vía romana nº XVIII(Bracara-Augusta), etc. A xornada non dá máis de si.

img_20150507_105534.jpeg

Interior da capela de San Miguel

Pois ben, o día foi o 7 de maio, porque así nos foi adxudicado pola organización, desde o momento en que na visita tamén se inclúe un concerto didáctico, aproveitando que a igrexa de Celanova acolle entre as súas paredes, no coro alto, un dos órganos máis antigos de Galicia e que se leva a cabo en colaboración co conservatorio superior de música de Ourense.

A xornada organízase formando dous grupos para que cada un deles poida aproveitar o mellor posible as diferentes fases da actividade. De tal maneira que unha vez concentrados na praza maior da vila, un dos grupos diríxese á Casa dos poetas-Curros Enríquez e o outro ao mosteiro de San Salvador.Non foi posible visitar a Biblioteca do Instituto Celso E. Ferreiro,espectacular, porque conserva parte da estrutura do que no seu tempo foi para uso dos monxes, porque naquel momento estaban en clase, e só se puido ver unha pequena mostra do claustro do Poleiro, premio Europa Nostra de restauración hai moitos anos, cando se adaptaron as instalacións do mosteiro ás necesidades dun centro de ensino.

img_20150507_112421.jpeg

Concerto didáctico

O grupo que entrou en primeiro lugar ao mosteiro inicia o percorrido cunha introdución histórica ao recinto e que pon de manifesto a grandeza do mosteiro no seu tempo e o que aínda hoxe segue a ser o centro neurálxico da comarca, xa que este acolle todos os servizos administrativos do concello, o instituto, rectoral, etc. Pero, quizais, de entre todo destaque o que está escondido na horta, a capela de San Miguel, levantada no ano 943, como lugar de oración, -de aí tan pequenas dimensións- e que é un exemplo singular da arte mozárabe en Galicia.

No interior da igrexa chama a atención un extraordinario retábulo e a cúpula da mesma . Omitíronse nesta ocasión certos detalles relacionados co coro baixo, a sacristía e reliquias que conserva a igrexa, porque, como é sabido, aínda nestes días e despois de ter transcorrido máis de un mes do asasinato do crego de Vilanova, don Adolfo, debiamos participar na gravación dun breve recitado do poema da Virxe do cristal, lenda que recollera o poeta M. Curros Enríquez, e que formará parte dun traballo audiovisual en homenaxe a esa persoa que tantas veces se brindou a mostrarnos a imaxe da virxe a todos aqueles que en veces anteriores tivemos a oportunidade de tela nas nosas mans.

Pouquiño a pouco os ollos fóronselle pechando,

doíñas acendidas na lus dun puro amor,

i á Virxen entre dentes unha oración rezando,

quedouse adormecida nun sono encantador.

 

Estonces, unha Señora

toda de lus rodeada,

de estreliñas coroada

que como diamantes son,

cun mantelo na cabeza

de pano negro, moi lindo,

caladamente, surrindo,

entrou pola habitación.

 

Nunca se víu neste mundo

máis feiticeira criatura,

nin pra tan grande hermosura

comparación pode haber:

por ollos ten dous luceiros,

por dentes pelras dos mares,

por greñas raios solares,

                          por risa… un amañecer. (Recitado por Yago Radziunas) 

 

 

img_20150507_134656.jpeg

Torre da homenaxe.Vilanova dos Infantes

 

Co bulicio na praza maior, entre verzas, repolos, ceboliño, árbores de distintas especies e olor a polbo, -é día de mercado na vila- encamiñámonos á casa de Curros. A reflexión sobre Celanova como vila de poetas queda demostrada con esta visita na que se mostra un breve percorrido biográfico sobre Curros e Celso Emilio, así como o seu digno sucesor, X.L. Méndez Ferrín, que pasea polas rúas da cidade olívica pero con raíces en Vilanova.

 

Sen perder o tempo e para cumprir con parte do ritual, aínda que nesta ocasión sen poder ver a imaxe da Virxe do cristal, si iremos a Vilanova para subir ao que queda do antigo castelo medieval, a torre de homenaxe, e o primeiro que chama a atención é a presenza das forzas da orde, no lugar onde antes nos recibía don Adolfo, e varios lazos de lembranza nas fiestras das casas en sinal de loito e unha grande pancarta no centro da “urbe” pedindo xustiza. Pequeno percorrido polas rúas, moitas, e observación dalgun que outro exemplo de feísmo como a construción dalgunha casa sobre o que foron as murallas de núcleo tan antigo. Extra muros visitamos a adega de San Vivián, un exemplo de enxeñaría soterrada onde se expoñen moitas ferramentas que utilizaban os zapateiros, como localidade moi vencellada á fabricación de calzado que foi Vilanova, e a lenda de que estas covas pudieron ser empregadas como refuxio de xudeus ou fuxidos cando as épocas de represión.

 Con máis fame que ganas de andar, dirixímonos á cidade de Ourense para repoñer forzas e desfrutar dunha xornada de lecer. Á sombra das árbores centenarias da alameda da cidade e a carón das Burgas, por onde E. Blanco Amor fixo transitar os seus esmorgantes, a maioría aproveitou para comer e descansar e de seguido dirixirse ás termas de Outariz para completar a xornada. 

img_20150507_182506.jpeg

Nas termas de Outariz

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Andaina do alumnado de 1º da Eso

Publicado o 4 Maio, 2015 na sección Lingua e Literatura galegas por Xulio Dobarro

 Un ano máis, o pasado vinte e nove de abril, e despois de adiar a actividade por causas meteorolóxicas, o alumnado de primeiro da ESO participou dunha xornada excepcional de inmersión na natureza, porque a primavera, cos seus altos e baixos non permitiu que se realizara antes. Este retraso impediu que non se puidera levar a cabo  algunha práctica de campo como se fixera outros anos, por exemplo, a plantación dalgunha árbore ou a colocación de casetas para os paxaros, porque para calquera das dúas actividades teriamos que telo feito antes, pero, como por outro lado se quere mostrar a vitalidade da primavera en toda a súa dimensión de cor, olor e esplendor, pois houbo que escoller entre unha das opcións, e neste caso optamos pola segunda. Tal e como se nos explicou por parte dos coñecedores da realidade do monte, a estas alturas do ano, os paxaros xa están criando e as árbores xa están moi avanzadas para trasplantalas.

img_6381.JPG

No local da Comunidade de montes,Rubén explica de 1ª man algúns detalles

En todo caso,finalmente a xornada cubriu as expectativas porque, despois de que o  alumnado asistise á conferencia da asociación Confemadera sobre o monte, “O monte é a nosa vida” a promesa era que participarían nunha xornada na natureza e así se fixo.

Como? Pois,armándose de calzado e roupa adecuada e desprazándose ata a sede da Comunidade de montes veciñais en man común de San Salvsdor de Coruxo(Fragoselo), onde seriamos recibidos polo persoal de dita asociación e lles dariamos unha información complementaria sobre aspectos como o que é un monte veciñal en man común, que se trata de montes periurbanos que forman como unha especie de ferradura sobre a ría de Vigo, que xeralmente están xestionados por persoas que pertencen a unha determinada parroquia e que teñen unha importancia extraordinaria desde o punto de vista económico, ambiental e social. Pénsese, se non, nos terreos que ocupa o aeroporto, o zoo, os campos de adestramento da Madroa, varios campos de fútbol de clubes do concello(Beade, Coruxo, Santa Mariña, etc.).

Rubén, un dos técnicos que traballa para esta Comunidade foi o responsable de mostrarlles algunhas das especies da fauna que se poden observar neste monte e mesmo algunhas que son endemismos de Galicia, aparte de curiosidades como os diferentes tipos de niños que constrúen algunhas das aves propias desta contorna ou insectos que morreron e recollen para ilustrar os visitantes (vacaloura, xoaniña).

Despois desta  presentación e dalgunha outra chamada de atención sobre a importancia histórica que teñen os montes en Galicia, mesmo remontándonos á cultura de orixe celta co culto ás árbores e a posterior cristianización dalgúns lugares e motivos ancestrais, verase o exemplo coa cercanía do petróglifo de Pedra moura, onde, a pesar do mal estado de conservación se poden ver moitos dos elementos relativos a esta manifestación artística e a lenda que rodea tal rocha. Pois, non hai moito tempo que unha veciña dicía ter visto unha serea que polas mañás e cando se poñía o sol se peiteaba enriba desta rocha.

img_6388.JPG

Observando os detalles do petróglifo de Pedra moura

De seguido pasamos polo punto limpo onde se acumulan toneladas de residuos vexetais que están sendo triturados para logo destinalos a abono ou transformación en enerxía eléctrica cando son trasladados ás centrais de obtención de enerxía.

Moi preto de alí, e despois de salvar un forte desnivel pola aba oriental do monte de Fragoselo, onde se está levando a cabo un proceso de trasformación dun eucaliptal e piñeiral nunha auténtica fraga a base de reintroducir árbores, maiormente caducifolias e de ribeira, como  amieiros, cerdeiras, nogueiras, castiñeiros, sobreiras ou acivros, entre outras, pasamos a rentes dun dos lugares máis interesantes desde o punto de vista vexetal, porque se formaron como  pequenos recunchos a base de castiñeiros, bidueiros e tuliperios de Virxina, que están próximos a mostrar  flores tan chamativas e que sorprenden  no medio dun monte galego. Como curiosidade comentar que nese intre un técnico de montes estaba a tratar os castiñeiros contra a enfermidade do chancro.

Unha vez que chegamos á cota máis alta da andaina, o descenso resulta máis cómodo en dirección á regueira de Laxiade. Como indica o seu nome, e con estes días tan chuviosos, a natureza neste lugar móstrase en todo o seu esplendor.Este é dos puntos que serven para reflexionar sobre o que é unha fraga e a importancia da biodiversidade fronte ao monocultivo de eucalipto e piñeiro. Así, aprovéitase para repoñer forzas e, simultaneamente, para ilustrarnos algo máis en vivo e en directo sobre algúns detalles.Por exemplo, destaca a abundancia de auga que facilita o crecemento de especies propias desta contorna, así vemos como medran  freixos, abelairas, amieiros, onde antes campaban as acacias negras e os eucaliptos ou piñeiros. Cunha consideración, que non se trata de demonizar estas variedades, porque son a fonte de ingresos principal para manter a actividade da comunidade e ao mesmo tempo de poder repoboar algunhas zonas que serían invadidas de non ser controladas. Do que se tratará será de evitar o monocultivo baseado exclusivamente nunha das variedades alóctonas.

img_6394.JPG

Área de descanso,recoñecemento de especies e paisaxismo

Como diciamos, este lugar de descanso serviu tamén como foro para escoitarmos da voz de Carmen a lectura dun clásico de M. Rivas titulado “O toxo is beatifull”, no que reivindica este arbusto e que nestes días presenta a súa faciana máis amable e colorista: O toxo. Entre outras consideracións, M. Rivas sostén o seguinte: “O toxo é unha das creacións estéticas máis enxebres de Galicia.” “Os poetas cantaron o toxo porque teñen o don de mirar con agarimo aquilo que moitos ignoran” , “…. á vista das lombas douradas polas toxeiras .É como se viñera Van Gogh e se puxera a pintar, en vivo, sobre o lenzo o monte”.  E, aproveitando a cercanía da celebración do día das Letras galegas, pois, velaí vai a proposta d´O Rivas:”Pero volvendo ás flores e ás letras, por que non regalar o 17 de maio un libro cunha poliña de toxo florido ? para concluír con humor e ironía “Metamos os toxos nos fogares. Non na cama, pero si ao seu carón, no floreiro da mesa de noite. Levémolo, canda a xesta, aos xardíns galegos…”

img_6399.JPG

Carmen le o relato de M. Rivas en homenaxe ao toxo

En fin, unha pequena homenaxe a este arbusto tan importante na economía tradicional de Galicia e, á vez, tan poético como pode resultar para expresar o amor, ao xuízo do poeta:”a maís fermosa flor enxergada entre espiñas”.

Pois ben, como xa vai sendo horas de voltar á “gaiola”, e deslizándose pola cara oeste de Fragoselo, a presenza da Ría, as Cíes ou o Morrazo non deixan indiferente a ninguén pola grandiosidade da paisaxe que se ofrece desde a aba do monte. Só resta engadir que nesta zona, non só a presenza de árbores é interesante pola abundancia de érbedos, sobreiras ou capudres, senón que tamén as rochas, non como petróglifos, senón como soporte pictórico  sirvan  para que algún “artista” actual se exprese con vivas cores e obteña orixinais figuras a partir dalgunhas laxes.

img_6402.JPG

Foto de familia, coas illas Cíes ao fondo

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Matrícula para as PAU. Convocatoria de Xuño (curso 2.014-2.015)

Publicado o 2 Maio, 2015 na sección Zona Alumnado, Xefatura de Estudos, Secretaría por Xefatura de Estudos

 

Só se pode matricular o alumnado que superou o 2º curso de bacharelato.

A matrícula hai que facela na secretaría do IES do CASTRO: o luns 25 e o martes 26 de maio, de 9 a 13:00 horas.

Antes de matricularse farase o depósito do TÍTULO DE BACHAREL.
– Hai que
recoller en secretaría o impreso de TAXAS AUTOLIQUIDACIÓN, facer o ingreso que corresponda nunha entidade bancaria e facer o depósito de título no momento de formalizar a matrícula das probas de selectividade.

TAXAS
TÍTULO DE
BACHAREL

ORDINARIA

49,82 €

FAMILIA NUMEROSA 1ª

24,94 €

FAMILIA NUMEROSA 2ª e HONRA

GRATUÍTA

Documentación necesaria para a matrícula das PAU:

Fotocopia do DNI ou Pasaporte sen recortar.
Xustificante (folla amarela e rosa) de ter aboadas as taxas de matrícula e documentación que acredite, se é o caso, a exención das mesmas.
Formulario de solicitude de opcións do bacharelato polas que concorre ás PAU debidamente cuberto.
Fotocopia da tarxeta (vixente) de familia numerosa para o alumnado que alegue esta circunstancia.
Fillos de funcionarios das Universidades de Galicia: Certificación dos servizos de persoal, e fotocopia do Libro de Familia para xustificar que son fillos de funcionarios.

» NOTA: todas as fotocopias deberán vir acompañadas dos orixinais para facer as compulsas.

TAXAS DE MATRÍCULA das PAU

O día 2 de xuño o alumnado deberá revisar no centro os datos contidos nas listaxes provisionais de matriculados (e facer a reclamación pertinente se fora o caso antes das 14h).

Máis información nos taboleiros, na secretaría do instituto, no blogue do Departamento de Orientación ou na páxina WEB da CIUG.

Datas dos exames:10,11 e 12 de xuño, na Escola de Enxeñaría das Telecomunicacións.

NOTA: O alumnado que non se presente ás probas de selectividade pero que queira acceder a un ciclo superior deberá realizar o depósito do título obrigatoriamente.

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

O alumnado de 4º ESO A gaña a medalla de ouro na 1ª OlimpiADN

Publicado o 23 Abril, 2015 na sección Bioloxía e Xeoloxía, Departamentos por Xefatura de Estudos

foto_4_a.jpg

No segundo trimestre do presente curso escolar o alumnado de 4ºESO A animouse a participar nun proxecto, promovido pola Fundación Barrié, denominado “OlimpiADN”. Foron tres meses de duro traballo nos que os alumn@s, conxuntamente cos de outros vinte centros de toda Galicia, tiveron que superar 4 retos para optar ás tres medallas en xogo: ouro, prata e bronce. Mereceu a pena xa que finalmente foron premiados ca medalla de ouro.                                                        O primeiro reto comezou coa construcción por equipos de maquetas que reproducían a estructura do ADN, a dobre hélice, ademais de traballar sobre cuestionarios que lles permitían coñecer as características de dita molécula. Despois de construídas as maquetas todos os equipos tiñan que elaborar un corto de 4 ou 5 minutos resumindo, de maneira orixinal, o aprendido sobre o ADN.                                                                                                                                         Superado o primeiro reto, e sen tempo para descansar,  tiveron que afrontar o segundo, elaborar un artigo científico sobre a  extracción de ADN a partir de mostras vexetais. Comezaron decidindo que  mostras ían empregar e no laboratorio dispuxéronse a realizar as extraccións, tomaron fotografías do material e método empregados e, consultando bibliografía ao respecto, elaboraron o seu artigo .                                                                                                                                      Sen perder o entusiasmo, tocaba organizarse de novo para superar o terceiro reto, realizar un estudo poboacional sobre a frecuencia de tres caracteres monoxénicos humanos no instituto. Fixeron 630 enquisas, informatizaron os datos, elaboraron  gráficos cos resultados e sacaron as conclusións do seu estudo.                                                                               Despois do pequeño descanso das vacacións de Semana Santa, aínda quedaba un último reto por superar, decorar e personalizar a súa molécula de ADN. Construiron a molécula e, xuntándose unha tarde na aula de plástica, dispuxéronse a decorala; o resultado foi fantástico e dende logo moi artístico.                                                                                     O esforzo, interés e o tempo adicado a este proxecto foi enorme e por iso a sua profesora de Bioloxía síntese moi orgullosa de tod@s eles, que por certo contou coa  colaboración imprescindible de  Elena e Begoña , as súas profesoras de Educación plástica e Informática respectivamente.

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Anxo Fariña co alumnado de 2º da ESOA

Publicado o 19 Abril, 2015 na sección Lingua e Literatura galegas por Xulio Dobarro

 Anxo Fariña,(Vigo, 1977) é licenciado en Belas Artes . Escritor, ilustrador e director de Arte. Compaxina o traballo creativo co contacto directo cos seus lectores, tal e como se puxo de manifesto o día quince de abril na súa visita ao Instituto para explicar o proceso creativo da súa obra e , en particular, da colección Os megatoxos, que xa van pola quinta entrega.Aínda que empezou publicando a antedita colección coa extinta A nosa terra, agora é a editorial Xerais a reponsable da publicación da súa obra e á que agradecemos a súa colaboración por ternos brindado a oportunidade de que os escolares poidan descubrir algo máis dos nosos autores e espertar neles maior curiosidade pola lectura, a literatura e a ilustración.

img-anxo-farina2.jpeg

O autor dirixíndose ao auditorio

img-hector2.jpeg

O retrato de Héctor queda como proba da súa habilidade

A sú axilidade gráfica quedou demostrada co retrato que lle realizou ao alumno que se prestou para levalo a cabo. Despois dunha breve exhibición do modelo, para que o artista puidese obter a información necesaria, íase  ver pronto reflectido na cartolina  -cremos que con bastante acerto- e que pasará a formar parte dos fondos da Biblioteca.

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

BACHARELATO INTERNACIONAL: Convocatoria de prazas para o curso 2015-2016

Publicado o 13 Abril, 2015 na sección Avisos urxentes, Zona Alumnado, Noticias do Programa do Diploma do BI por Alberte Zato

IB 150CONVOCATORIA DE PRAZAS PARA O BACHARELATO INTERNACIONAL 

O IES DO CASTRO anuncia a convocatoria de prazas para cursar o próximo ano o primeiro curso do Bacharelato Internacional no seu Centro nas modalidades de Ciencias Sociais e de Ciencias e Tecnoloxía.

O número de prazas ofertadas é de 25 e poderán optar a elas todos os alumnos e alumnas que o desexen sen máis requisito que ter aprobado en xuño o 4º curso do Ensino Secundario Obrigatorio (ESO).

A adxudicación de prazas, competencia do Consello Escolar do Centro, terá en conta so o expediente dos alumnos nos catro cursos da ESO, por tratarse dunha modalidade de Bacharelato única na Provincia.

O prazo para solicitar praza estará aberto a partir do luns 13 de abril ata o 15 de xuño e se fará mediante a folla de inscrición que se acompaña abaixo ou se poderá recoller no Centro a partir da primeira data sinalada. A entrega da documentación será na Secretaría do Centro ou ben por correo electrónico na dirección castroibo@gmail.com, esta última modalidade con plena validez legal.

A primeiros do mes de xuño convocarase unha reunión informativa con todos os interesados para dar conta das características máis importantes desta modalidade de Bacharelato.

A resolución da convocatoria será publicada nesta páxina e no taboleiro oficial do Centro na derradeira semana do mes de xuño.

En todo caso, para ampliar a información, pódese consultar o tríptico publicado máis abaixo ou a páxina oficial da Organización do Bacharelato Internacional: http://www.ibo.org/es/. Ademáis, é conveniente que os interesados pidan unha entrevista co coordinador do Bacharelato Internacional (na conserxería do Centro ou vía correo electrónico: castroibo@gmail.com se aínda non tiveron unha entrevista con el)

Nota: a oferta final está suxeita ás posibilidades organizativas do Centro en virtude das disposicions da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, polo que os alumnos admitidos non deberán renunciar á praza que teñan solicitado polo conducto ordinario.

Documentos descargábeis 

.pdf

convocatoria_prazas_bi_2015.pdf

 triptico_informativo_2015_2016_bi.pdf

solicitude_praza_2015_1016_bacharelato_internacional.pdf

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Calendario de exámes para o alumnado con materias pendentes de 1º de Bacharelato

Publicado o 10 Abril, 2015 na sección Avisos urxentes, Zona Alumnado, Exames por Xefatura de Estudos

Premendo no seguinte documento pdf accédese ao calendario:

exames-finais-de-pendentes-1bach.pdf

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

En racha : Nuestros alumnos vuelven al Podio, esta vez en Química

Publicado o 8 Abril, 2015 na sección Física e Química por Nieves

Recientemente felicitábamos a FRANCISCO MARTÍN GARCÍA AMBOAGE y a ANTONIO ANDÚJAR ARIAS por conseguir el 1º y 4º puestos,respectivamente, en la fase gallega de la Olimpida de Fïsica (Universidad de Vigo).

Ahora damos la enhorabuena a SANTIAGO RODRÍGUEZ CARREIRO, a CARLOS HERVÉS CARRETE y a CARLOTA CASTRO PÉREZ, que han conseguido el 1º , 3º y 5º puestos, respectivamente, también el la fase gallega, distrito de Vigo, de la Olimpiada de Química.

Francisco Martín García y Santiago Rodríguez participarán, en breve, en las correspondientes Olimpiadas Nacionales.

Mucha suerte!

Related Posts with Thumbnails
Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo