Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Do Ies do Castro a Celanova, Bande,Lobios-Gerês-Allariz-Ourense

Publicado o 8 Maio, 2016 na sección Lingua e Literatura galegas por Xulio Dobarro

 grupo-horta.jpeg

Na horta da Fundación Curros Enríquez

tarta-celanova.jpg

Torta da fidelidade á Fundación Casa dos poetas

Documentación previa

As actividades a desenvolver ao longo dos día 4 e 5 de maio teñen como meta final, para o primeiro día, a localidade de Celanova, vila de poetas por excelencia, na que se participará nun concerto didáctico e lección sobre o órgano da igrexa parroquial, visita ao mosteiro de San Salvador, que acolle entre as súas paredes un sinfín de servizos da vila, entre outros, Casa do Concello, Instituto, capela de San Miguel(arte mozárabe),2 Claustros e unha Biblioteca espectaculares.Unha vez no exterior achegarémonos ata a Casa dos poetas,que foi casa natal de Curros Enríquez (1851-1908) e hoxe custodia parte do seu legado e dos seus continuadores, Celso E. Ferreiro(1912-1979) ou X.Luís Méndez Ferrín (1938).Vilanova dos Infantes,antigo burgo medieval que conserva a torre da homenaxe, onde se gardaba ata hai dous anos a imaxe da virxe do Cristal, que inspirara a Curros para a composición do poema do mesmo nome,e que a día de hoxe segue desaparecida despois do desgraciado accidente acontecido, preside o val das terras de Celanova.

A xornada continuará pola tarde en dirección á fronteira de Portela do Home, despois de visitar o campamento romano do encoro das Conchas (Aquae querquennae) e o centro de interpretación do mesmo nome, cunha mostra abondosa de restos romanos e información sobre a Vía romana nº XVIII, que unía naquel tempo as vilas de Braga e Astorga.Deixaremos á nosa dereita a capela de Santa Comba de Bande (exemplo case único da arte visigótica en España),para dirixírmonos ao concello de Lobios, que xa limita coa fronteira portuguesa formando a reserva da Biosfera transfronteiriza cos parques do Xurés galego e Gerês portugués. Despois dunha pequena incursión na parte portuguesa ata o río Homem, de impresionantes fervenzas,desandaremos o camiño percorrendo parte do trazado da vía romana desde onde se atopan concentrados un xeneroso número de miliarios ata río Caldo, que como ben indica o seu nome, nos fai cabilar en augas termais e un descanso. Moi cerca,o lugar para durmir.

Ao día seguinte, de boa hora, dirixirémonos ata a vila de Allariz para coñecer de primeira man a experiencia de educación ambiental da Fundación R. G. Ferreiro, O Rexo, como unha proba de que o progreso e a modernidade, o campo e a cidade, non só se complementan, senón que son necesarios para que determinadas actividades non desaparezan da nosa tradición e o medio ambiente sexa máis sostible.

De seguido, a cidade de Ourense mostraranos a riqueza termal das súas augas, que desde As Burgas ata Outariz flúen silandeiramente por entre as rochas. Aproveitaremos para visitar algúns dos lugares máis senlleiros da cidade: As Burgas, a catedral (Pórtico do Paraíso), a praza do Ferro, a rúa da Paz…para conclúir pola ribeira do Miño con auga e herba fresca.

No que respecta ao espazo físico, podemos destacar a presenza do río Miño (encoro de Castrelo), o val de Ribadavia regado polo río Avia,os montes da Paradanta (Alto de Fontefría,800 m.), ou a valgada de Ourense capital, onde se fai visible unha vexetación máis mediterránea coa presenza abondosa de érbedos, sobreiras e, como non, estes días o predominio da cor amarela coa invasión das mimosas,o toxo ou as xestas que se proxectan na canle do río Miño.

Reproducimos a continuación as palabras extraídas dun tríptico, co título que precede, adicado á vila de Celanova: “O mito do neolítico, a reivindicación autóctona da cultura castrexa, a incruenta colonización romana, o baleiro da época sueva, o balbordo e a riqueza monacal da idade media e o salto á modernidade de todas as culturas posibles, mestúranse nun espazo xeográfico que colle nun pano da man e que ben merece unha visita paseniña”.

A ROSALÍA

Do mar pola orela
mireina pasar,
na frente unha estrela,
no bico un cantar.

E vina tan sola
na noite sin fin,
¡que inda recei pola probe da tola
eu, que non teño quen rece por min!

A musa dos pobos
que vin pasar eu,
comesta dos lobos,
comesta se veu…

Os ósos son dela
que vades gardar.
¡Ai, dos que levan na frente unha estrela!
¡Ai, dos que levan no bico un cantar!

Manuel Curros Enríquez

tartas.jpeg

No 10º aniversario da fundación e 16º do Instituto

 

X. L. MÉNDEZ FERRÍN: NA FRENTE UNHA ESTRELA FARO DE VIGO 19 DE MAIO DE 2008

Foi inaugurada na Casa dos Poetas de Celanova unha conmovente exposición sobre recordos e pertenzas de Curros Enríquez, no centenario do seu pasamento e enterro na Coruña. Boa nova que conxugaremos co traslado do monumento a Curros dendesde seu desterro ao centro de Vigo de onde un alcalde franquista o tiña expulsado. A exposición de Celanova leva o rubro dun poema dedicado a Rosalía por Curros: NA FRENTE UNHA ESTRELA. A estrela, como símbolo da Liberdade, do Xenio, da Enerxía Criativa, da Emancipación. Trátase seguramente da estrela vermella de cinco puntas que Castelao puxo onda unha fouce de ouro no escudo republicano de Galicia, deseño que, obviamente, non figura entre os símbolos oficiais hoxe, por non ser de substancia autonómica senón nacional e popular. De modo que a exposición de Celanova chámase NA FRENTE UNHA ESTRELA. Ordenou de facer a exposición a Academia Galega e executouna, co concurso do Patronato Curros Enríquez, X.L. Axeitos. Beizón aos leais e pertinaces!
Daquela eu lembrei un día en que subín a Celanova en bicicleta. Era o 16 de setembro de 1951 e todo estaba preparado para a inauguración do monumento a Curros por Asorey (ou polo irmán de Asorey, segundo me di o citado Axeitos). Tamén en 1951 estaba en Celanova a Academia e tamén escomenzaba alí a súa tarefa silenciosa o Patronato destinado a perpetuar a memoria do bardo na súa Terra. Houbo críticas daquela por non se ter usado moito o idioma galego nos discursos. Eu penso que ao final do verán de 1951 había medo en Celanova, e medo ben xustificado. Terían medo a usar o galego os académicos e demais oradores. Tamén Daniel Calzado, ex-alcalde da Frente Popular de Tomiño, que representaba oficialmente no acto ao Centro Gallego de Buenos Aires, onde se encontraba exiliado, e, in pectore, ao Consello de Galiza do que había de ser derradeiro secretario.
O caso é que a BPS e a Brigadilla da GC desarticularan (1947) en toda a Galicia a “Organización de Intelectuais Libres” (OIL) e prenderan grande número de persoas relevantes, como foron o avogado e economista Valentín Paz Andrade, o escritor Francisco Fernández del Riego, o rexistrador Alejandro Otero, o médico Ramón Baltar ou o tamén médico Darío Álvarez Blázquez. Supoño que os actos académicos de Celanova en 1951 estiveron moito ben controlados polos servizos represivos e mesmo Otero Pedrayo vería coutada a súa tendencia eruptiva a citar Castelao e a falar galego en público con aquel aceno de quen fai ondear unha bandeira subversiva, tan característico.
Tamén lembro o día no que diante do monumento a Curros fixo un alto o cadaleito de Celso Emilio na súa marcha ao cemiterio de San Verísimo de Celanova en agosto de 1979. Daquela, Santalices chegou de Bande para, rachando un protocolo mísero, ler o que era seguramente o derradeiro poema escrito por C.E. Ferreiro Miguez (non Míguez). Curros, en bronca, fita dignísimo e desafiante o convento. Hoxe a súa ollada crúzase e cruzarase por sempre coa ollada tamén metalizada do Celso Emilio Ferreiro de Acisclo Manzano, este noutro lugar da mesma praza da antiga Botica abacial.

 

concerto.jpeg

No coro alto da igrexa de Celanova preparándose  para o concerto

 CELSO EMILIO FERREIRO (CELANOVA ,1912; VIGO, 1979)

LONGA NOITE DE PEDRA é un dos seus poemarios máis coñecidos e fora publicado en 1962 El mesmo se encargou de aclarar cal fora a orixe :”Unha parte del foi escrita en plena guerra, sendo soldado. Outra parte, máis ampla, na inmediata posguerra. Tíveno case vinte anos nunha carpeta ata 1962”. “No ano 1937, sendo soldado, fun de permiso a Celanova. Unha muller, unha harpía, denuncioume atrbuíndome unha verbas que eu non tiña pronunciado. Detivéronme e encarceráronme no convento da vila, que daquela estaba convertido en prisión. O lugar onde me tiveron varios días, coa morte ouveando ao redor, era unha antiga mazmorra do mosteiro,toda ella de pedra, incluído o teito, e con tan pouca luz que o día semellaba noite. Alí naceu, “in pectore” o poema que lle daría máis tarde título ao libro”

Longa noite de pedra
O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazós dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra.
Entre as novidades deste ano, destacamos a visita á cela na que C. Emilio sufriu condena e onde Daniel Espinosa leu o poema.

bande.jpeg

Centro de interpretación Aquae querquenae

De camiño a Lobios, no concello de Bande, atópanse dous dos motivos máis relevantes da cultura romana en Galicia, o campamento romano de Aquis querquennis e o centro de interpretación da vía romana nº XVIII, Vía nova,  que unía Braga con Astorga. O campamento permanece nestes días inundado polas augas do encoro  das Conchas, pero, o centro de interpretación ofrece unha presentación sobre a conquista de Hispania e, en particular, de como se foi construíndo a antedita vía. Esta información servirá de introdución á andaina a realizar entre Portela do Home e río Caldo, que precisamente se percorre seguindo o trazado da Vía Nova con abondosos exemplos de miliarios.Non hai moito tempo, -nin interese- por visitar Santa Comba de Bande, capela do séc. VII, e mostra case única da arte visigótica en España.

geres.jpeg

Incursión no Gerês portugués

andaina.jpeg

Andaina sobre a Vía romana

A segunda xornada ten como primeiro punto de interese  a Aula da natureza O REXO, no concello de Allariz, na que entre burros, ovellas e outras animalias transcorreu a mañá, despois de introducirnos no que é a reserva da Biosfera do concello de Allariz da man do concelleiro de medio ambiente da localidade, advertirnos da importancia da diversidade da zona en canto a flora e fauna e o desenvolvemento de actividade agrícola como agricultura sostible e ao mesmo tempo de redución de incendios. A visita serviu para, por exemplo, ver unha construción sostible, sen elementos contaminantes, o pastoreo de ovella latxa para produción de leite e fabricación de queixo e, como non, para coñecer de primeira man as pinturas de Ibarrola, dentro do recinto, ao pé do río Arnoia. A atracción por excelencia foi a presenza do burro Moncho que non deixaba  de ser aloumiñado polo respectable.

xeral.jpeg

Panorámica xeral da granxa escola O REXO

moncho-2.jpeg

Moncho é admirado polos visitantes

charca-2.jpeg

Ao fondo construción sostible, en 1º plano vida nunha poza

Despois deste baño de natureza, aínda quedaba a visita ao baño máis importante, o da cidade de Ourense. Unha pequena xeira pola cidade das Burgas, a praza Maior, a catedral e a praza do Ferro para de seguido repoñer forzas e dirixirse ata as termas de Outariz. Entre unhas pingueiras e unhas raiolas de sol foi concluíndo a xornada con augas termais. A última parada, como manda a tradición, na Cañiza.

outariz.jpeg

Nas termas de Outariz agardando polos últimos

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Parabéns ao alumnado de 3º eso A

Publicado o 5 Maio, 2016 na sección Matemáticas por Ramón

eso-3-a_2015-16.JPGParabéns polo primeiro posto en “Matemáticas na Raia 2016″, concurso de resolución de problemas de forma colaborativa, no que participaron centros de Galicia e do norte de Portugal.

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Calendario xeral das PAU xuño 2016: instruccións para a matrícula da selectividade.

Publicado o 4 Maio, 2016 na sección Zona Alumnado, +++Documentos e formularios de interese, Secretaría por Xefatura de Estudos

 Se premes no seguinte documento accederás ás  instruccións:

selectividade-2016.pdf

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Calendario fin de curso para o alumnado de 2º de Bacharelato

Publicado o 4 Maio, 2016 na sección Zona Alumnado, +++Documentos e formularios de interese por Xefatura de Estudos

Vacaciones 27

Premendo nos seguintes documentos pódese acceder ao calendario fin de curso e ás instruccións para as reclamacións as cualificacións finais:

 calendario-fin-de-curso-2_de-bacharelato.pdf

reclamacions-finais-2_-de-bacharelato.pdf

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Vídeo: “Diálogo por la Educación”

Publicado o 18 Abril, 2016 na sección Taboleiro Transversal por Xavier
Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Marcos Calveiro co alumnado de 1º da ESO

Publicado o 14 Abril, 2016 na sección Lingua e Literatura galegas, Biblioteca por Xulio Dobarro

                                         marcos.jpg

Non é a primeira vez, nin será a derradeira, que o alumnado do centro ten a ocasión de escoitar de primeira man cal foi a xénese na creación do libro, Palabras de auga, por voz do seu autor, Marcos Calveiro, natural de Vilagarcía pero vigués de adopción desde hai bastantes anos. Home polifacético, onde os haxa, porque da súa primeira profesión de avogado e escritor vén de introducirse no mundo da hostelaría alá polo barrio de Teis, de onde el xa era veciño.

marcos5.jpg

A editorial Xerais, unha vez máis vén de brindarnos esta oportunidade de contar coa súa presenza, despois de que este curso xa compartira Manuel Rivas outra xornada co alumnado de 3º da ESO. A obra de Marcos Calveiro, xa abondo ampla e ao mesmo tempo merecente de varios premios literarios, especialmente entre os lectores máis novos, pero non exclusivamente porque xa se ten introducido tamén na literatura para adultos con novelas como Festina lente, ou, máis recentemente con Fontán,(Editorial Galaxia) o grande coñecedor do territorio galego que o levou a crear o mapa máis completo de Galicia, cando aínda os recursos técnicos na cartografía eran moi rudimentarios.

Por outra banda, o club de lectura do centro vén de escoller como obra de reflexión a que foi  premio Ala Delta e White Ravens en 2008 por O carteiro de Bagdad. En conclusión, que a súa obra xa non é algo anecdótico ou de principiante, senón de experto e sesudo narrador, e que polo que se ve non deixa de sorprendernos cada ano con títulos novos.

A sesión deste día centrouse na análise de como xurdiu unha novela de ambiente africano, Palabras de auga. Pois, de algo tan sinxelo como unha fotografía que o autor viu un día nunha revista e cuxa imaxe o impactou polo significado que encerraba: unhas mulleres, ao pé duns termiteiros peneiraban o que formaba parte desas “construcións” para aproveitar os grans que xuntaban as formigas e logo poder elaborar unha especie de masa para obter pan para darlle de comer á súa familia. E a partir de aí investigar sobre as condicións de vida das familias que sofren as consecuencias da seca, dos incendios, e sobre todo as consecuencias das guerras continuas entre tribos e estados e cuxas consecuencias sofren de xeito cruel os nenos que son sometidos á explotación máis inhumana nas minas de coltan para que a sociedade “moderna” poida desfrutar das prestacións dos móbiles, wifi, etc. Tamén os nenos da guerra, os nenos-soldado, son obxecto de reflexión na novela, porque o irmán do protagonista,Numba, desertará da súa tribo e non aceptará voltar a ela despois de entrar na dinámica deses explotadores de nenos, por iso se escoita que os móbiles, por exemplo, están manchados de sangue inocente.

“Numba deulle as costas e comezou a andar cara á espesura. Amadou observou no seu lombo un feixe de costuróns que non lembraba, como se alguén mallase nel cunha póla espiñenta ata fartar. Alporizado, apertou os puños e comezou a subir o outeiro onde o seu pai o agardaba case no cume. Unha vez xuntos no alto botaron unha derradeira ollada ao campamento e descubriro a Numba ollando para eles. Amadou ergueu a man para despedirse e Numba contestou alzando  a arma e disparando varias veces ao aire. Unha bandada de paxaros asustados saíu das matogueiras co balbordo. Ngugi e Amadou botaron a correr descendendo o outeiro e deixando para sempre a Numba” (Páx.130)

boina.jpeg

A maiores dos temas suscitados pola da novela, viña   a conto comentar o  drama cotián que están a sufrir os miles de nenos inmigrantes e refuxiados que chegan ás costas do Mediterráneo e do mar Exeo a causa dos desprazamentos de lugares nos que a guerra e a fame son o seu pan de cada día. Así se puxo de manifesto que a actitude de Europa con respecto a este asunto estaba resultando un tanto cínica e moi inxusta.

A  adicatoria do libro aos seus fillos non pode ser máis emotiva:” A Lucas e a Zoe, que procuran formigueiros só por diversión”  

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

CONVOCATORIA DE PRAZAS PARA O BACHARELATO INTERNACIONAL 2016 - 2017

O IES DO CASTRO anuncia a convocatoria de prazas para cursar o próximo ano o primeiro curso do Bacharelato Internacional no seu Centro nas modalidades de Ciencias Sociais e de Ciencias e Tecnoloxía.

O número de prazas ofertadas é de 30 e poderán optar a elas todos os alumnos e alumnas que o desexen sen máis requisito que ter aprobado en xuño o 4º curso do Ensino Secundario Obrigatorio (ESO).

A adxudicación de prazas, competencia do Consello Escolar do Centro, terá en conta so o expediente dos alumnos nos catro cursos da ESO, por tratarse dunha modalidade de Bacharelato única nos centros públicos da Provincia.

O prazo para solicitar praza estará aberto a partir do venres 15 de abril ata o mércores 15 de xuño e se fará mediante a folla de inscrición que se acompaña abaixo ou que se poderá recoller no Centro a partir da primeira data sinalada. A entrega da documentación será na Secretaría do Centro ou ben por correo electrónico na dirección castroibo@gmail.com, esta última modalidade con plena validez legal.

A resolución da convocatoria será publicada nesta páxina e no taboleiro oficial do Centro na derradeira semana do mes de xuño.

En todo caso, para ampliar a información, pódese consultar o tríptico publicado máis abaixo ou a páxina oficial da Organización do Bacharelato Internacional: http://www.ibo.org/es/. Ademáis, é conveniente que os interesados pidan unha entrevista co coordinador do Bacharelato Internacional, vía correo electrónico (castroibo@gmail.com) se aínda non tiveron unha entrevista con el.

Vigo, 5 de abril de 2016.

Nota: a oferta final está suxeita ás posibilidades organizativas do Centro en virtude das disposicions da Consellería de Cultura e Educación da Xunta de Galicia, polo que os alumnos admitidos non deberán renunciar á praza que teñan solicitado polo conducto ordinario antes de formalizar a matrícula.

Impreso de solicitude

 

Related Posts with Thumbnails
Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo