Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Reportaxe gráfica do día da árbore

Publicado o 29 Marzo, 2016 na sección Celebracións por Xulio Dobarro

img.JPG

Presentación na sede da Comunidade de montes de S. Salvador de Coruxo

img_9964.JPG

Inicio da tarefa con moitas dúbidas

img_9965.JPG

Temu e Xavier conclúen o seu labor

img_9961.JPG

Sara e Cristina dirixen a operación

img_9999.JPG

A parada na regueira de Laxiade serve de reflexión medioambiental

img_0021.JPG

A punto de concluír a xornada coa Ría ao fondo

img_9941.JPG

A sobreira está en boas mans

img_9986.JPG

Todo é posible en Fragoselo

img_9930.JPG

A forza mental non ten límites

img_0018.JPG

A falta de cabalo, bo é un piñeiro

img_9980.JPG

Reporteira e colaboradores

img_9992.JPG

Curiosidade polo bugallo ou carrabouxo

Chus Ferrín, profesora de Plástica, foi a encargada  da documentación gráfica

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo
Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Día da árbore en Fragoselo (Coruxo)

Publicado o 22 Marzo, 2016 na sección Celebracións, Lingua e Literatura galegas, Taboleiro Transversal por Xulio Dobarro

 ascenso.jpeg

Primeiros pasos de ascenso a Fragoselo

Unha vez máis a primavera non chegou soamente a onde case todo o mundo pensa, senón que tamén o fixo a onde tiña que chegar, ao monte. Para celebrar a chegada da estación e o Día da árbore, o alumnado de 1º da ESO trasladouse ao monte de Fragoselo, na parroquia de San Salvador de Coruxo, que dá nome á comunidade de montes veciñais en man común desa parroquia, e alí poder desfrutar dun día sen libros, cadernos e lapis, aínda que non de móbiles, porque se lle advertiu de que poderían usalo para poder recoller fotos de interese desde o punto de vista medioambiental.A todo isto, hai que advertir que xa o freire Martín Sarmiento aconsellaba ao seu irmán con respecto á educación do seu fillo que se debería empezar por mostrarlle de que árbore se trataba, en galego,  e logo aprender os nomes en castelán e latín.

euca.jpeg

O que sobreviviu á tala dos eucaliptos

A recepción na sede da Comunidade de montes por parte do persoal que traballa aí ilustrando aos rapaces sobre a importancia que teñen os montes veciñais en man común, a súa propiedade, e as especies que nel se poden atopar serviu de introdución á xornada, para sorprenderse con descubertas tan especiais como que alí habitan especies endémicas ou que unha boa parte de mamíferos, réptiles e anfibios poden ser vistos na contorna destes montes periurbanos que forman unha especie de mirador en ferradura sobre a ría de Vigo.Iso en canto á fauna, para logo facer un breve percorrido pola flora e introducilos na importancia de salvagardar as especies autóctonas (sobreira, carballo, castiñeiro,etc) fronte á invasión doutras menos beneficiosas polo que pode supoñer a expansión do monocultivo con árbores do tipo do eucalipto ou a acacia negra.

tres.jpeg

En plena faena de cultivo

A continuación o exército de braceiros dirixiuse ao punto reservado para levar a cabo a que sería a maior descuberta do día: a plantación de árbores autóctonas:sobreiras, castiñeiros, érbedos, cerdeiras, etc. A todo isto, hai que recoñecer que a parte máis dura do traballo estaba realizada por Rubén e Alfonso que xa tiñan os foxos preparados para nada máis chegar e plantar, como así foi, non sen o conseguinte perigo para uns recén iniciados nas artes  do sacho, a pa, ou o angazo. En calquera caso, puxéronlle vontade e interese para que á volta duns anos poidan ver a súa obra vexetal.Advertíuselles  que o terreo que pisaban e onde se plantaba non había moito tempo estivera cuberto de piñeiros e eucaliptos e o que se quere é rexenerar ese espazo con variedades caducifolias, maís acordes coa flora galega.

De seguido iniciouse o percorrido polo monte tentando mostrarlles o que nos pode ofrecer este medio  en canto ao patrimonio material e inmaterial. Así tamén respondiamos a un dos obxectivos da xornada que era o de facilitarlles recursos para poder participar no concurso que organiza Confemadera e que ten como eslógan na súa campaña:”O monte é a nosa vida”, coa que prentende sensibilzarse á xuventude sobre o valor do monte desde o punto de económico, social e ambiental.

souto.jpeg

Castiñeiros, acivros, bidueiros e tulipeiros

Logo de deixar atrás o campo de fútbol, e a ambas mans plantacións recentes e outras xa madeirables, chegamos ata  o punto verde no que se atopa a planta de biomasa e que este ano está de máxima actualidade porque está recollendo un número moi elevado de palmeiras que son vítimas dun escaravello vermello que fai que moitas delas sequen polo efecto dese insecto. As mostras están a vista, ducias de toros de palmeiras agardan pola súa transformación en biomasa. Neste punto, cando xa é hora do recreo, non se lle perdoa á parva, como é de rigor entre os esforzados traballadores.

De non ser pola intervención humana que trazou o camiño de acceso ata o parque forestal, máis enriba, estariamos a cruzar por unha especie de fraga na que conviven variedades vexetais moi diversas: castiñeiros que forman soutos, acivros que conservan o seu verdor á sombra daqueles e pola súa orientación, bidueiros aos que delata a súa casca branca -aínda non teñen folla moitas das árbores-, carballos e piñeiros, nogueiras e amieiros, freixos e salgueiros conviven en harmonía coa auga cantareira  que estes días humidece a terra que esixen estas especies. A flor está presente en pereiras bravas, espiños e cerdeiras, e dentro duns días tamén os tulipeiros de Virxinia, érbedos e capudres, para que paxaros e abellas cumpran coa súa tarefa.

laxiade.jpeg

Descenso á regueira de Laxiade

No percorrido hai un punto de especial interese coñecido como regueira de Laxiade, onde desde hai uns anos a Comunidade de montes está levando a cabo un traballo importante  de recuperación de especies autóctonas características de ribeira e que serve como reflexión e ensinanza sobre a importancia do monte desde o punto de vista ambiental:a auga fai que medren os amieiros, abelairas e freixos fronte ao que antes eran eucaliptos e acacias.  Como se fose un lugar de culto, encrucillada, onde tradicionalmente en Galicia se acostumaba a cantar un responso seguido dunha oración, no noso caso aproveitamos para realizar a lectura/recitación  dalgúns textos que na historia da literatura galega teñen sido de atención por parte de poetas e narradores algunhas plantas típicas: o toxo, os carballos, ou o castiñeiro foron este ano motivos de atención da man de M. Rivas e Manuel María. Aquel por ter un texto inxenioso adicado ao toxo e este por ter varios na súa produción literaria e adicarlle este ano o Día das Letras Galegas.

Así se foi pasando a mañá, e mentres agardamos para subir aos autobuses aínda houbo tempo para xogar ao fútbol, enredar no parque infantil  e, por se era pouco,  practicar un pouco de ioga.

ioga-1.jpeg

Uns intres para fútbol,xogos e ioga na natureza

En fin, agradecérmonos ao profesorado acompañante e ao persoal da comunidade de montes de Coruxo o termos desfrutado dunha xornada completa, así como o detalle de agasallarnos cunha sobreira que sería plantada ao pé do érbedo que xa enraizou no xardín do Instituto,como proba da colaboración ao longos destes últimos anos entre as dúas institucións e como contribución á ampliación de especies vexetais que cada ano se van incorporando á longa lista da que xa se dispón e acadar o que xa vén sendo unha teima por parte do Instituto: que o OMBÚ sexa catalogado pola Consellería de medioambiente,infraestruturas e territorio  como  ÁRBORE SENLLEIRA.

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo
Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Compartindo con M. Rivas unha xornada memorable

Publicado o 6 Marzo, 2016 na sección Lingua e Literatura galegas, Biblioteca por Xulio Dobarro

espirito-copia.jpg

Non sei o que pode pensar calquera que vexa esta foto de M. Rivas non estando presente nese día e nesa hora na Sala de conferencias do centro, cando o pasado tres de marzo un grupo abondo numeroso de alumnado e profesorado tivemos a ocasión de poder, admiralo?.Porque unha cousa é utilizar a linguaxe corporal para comunicar, e outra ben diferente é querer imitar o voo do Espírito Santo cando, despois que o presentador  introducira O Misterio da Santísima trindade, o protagonista aproveitou para darnos a súa peculiar visión do Misterio con alusións máis ou menos cultas, segundo a tradición galega, como  a que refería Castelao cando consideraba que se algún día Galicia chegaba a ser un “pobo de seu” debería entronizar a vaca, o peixe e a árbore, ou se se podería entender o antedito misterio polo que  alguén viu  reflectido no nabo, na nabiza e no grelo. En fin, que todo viña a conto de que, despois de que o que subscribe establecera unha comparación profana cos tres “manueles” da nosa historia literaria, é dicir, Manuel Curros Enríquez, o pai; Manuel María, o fillo; e Manuel Rivas, o espírito santo; pois, todo empezou primeiro co que se acaba de relatar e despois, -momento ao que corresponde a ilustración- a cando aquel conta unha vivencia familiar, que presenciara a súa nai na súa parroquia, que falaba de que cando o crego se dirixía aos fregueses para explixcarlles o antedito misterio, pois había, -como en cases todas as parroquias galega- un “toliño” que o crego lle concedeu o beneficio de identificarse co Espírito Santo, e como aquel estaba simbolizado por unha pomba, “o toliño” botábase a “voar”, -como fai Rivas na foto- cada vez que o cura mentaba a antedita verba. Chegou un momento en que o que parecía un xogo para aquel inocente, a autoridade eclesiástica prohibiulle a entrada na igreza, e, a partir dese momento paecíalles aos fregueses que se botaba algo en falta. Tamén houbo outra referencia antropolóxica ao trevo que, dalgunha maneira, na tradición irlandesa simbolizaría esta triple interpretación do misterio dun xeito máis panteísta, e tal e como aparece recollido na súa bandeira.

Pois, como dícia, que se podía suxerir  na presentación dun home que, segundo as últimas reseñas das súas obras “a súa obra está escrita en galego, está traducida a máis de trinta linguas e publicada polas máis prestixiosa editoriais do mundo” ? O primeiro que se me ocorreu foi lembrar a Rosalía de Castro e tomar emprestadas as súas palabras do Prólogo de Cantares Gallegos cando di”que grande atrevemento é sen duda para un probe inxenio como o que me cadrou en sorte, dar á luz un libro cuxas páginas debían estar cheias de sol”. E  así foi  como, co seu permiso, iniciamos esta xornada memorable.

Denantes de entrar en espazo pechado, e logo de ser saudado por varias persoas do centro, encamiñámonos de cara ao xardín, despois de informalo que contabamos cunha árbore peculiar, chamada Ombú en  lingua amerindia, tamén árbore da bela sombra, nacional de Arxentina e do gaucho, sabedores como somos da súa  paixón pola conservación da natureza e do patrimonio material e inmaterial de Galicia. Despois de sorprenderse da beleza -agora espido, pero quizais aínda máis sorprende  que coa folla e flor-  e de acariñar as súas raíces, suxeriu que podía semellar  un paquidermo ou, mesmo, diría eu un armadillo pola forma que está adoptando a súa raíz fora da terra e que ascende  cun multitoro. Aproveitamos para comunicarlle que o centro está xestionando coa Consellería responsable que sexa catalogada como ÁRBORE SENLLEIRA, pola súa antigüidade, dendrometría, e símbolismo antropolóxico de intercambio entre a nación Arxentina e Galicia.

duo.JPG

A todo isto hai que dicir que a lectura do seu libro de relatos, Madonna e outros contos de inverno, polo alumnado de 3º da ESO, foi,en realidade, unha desculpa, porque, máis que nada, do que se trataba era de que coa  súa presenza e a súa forza espiritual, poética  recaese sobre o auditorio, fose en forma de pomba ou de chamas, ao estilo das bágoas de San Lourenzo, e que o amor polos libros e a lectura, tal e como ten demostrado reiteradamente na súa extensa bibliografía en “Os libros arden mal”, “O último día de Terranova”, etc.  

paquidermo-2.jpeg

Así foi  como, despois de explicar que as súas obras eran como unha especie de círculos  concéntricos que se van engarzando unha nas outras, e que os pequenos xestos poden ser tanto ou máis importantes que os que protagonizaron reis, políticos ,etc. en realidade soen ter maior recoñecemento un Shakespeare, Cervantes ou Blanco Amor,por poñer algún exemplo, que as batallas ou guerras das que aqueles puideron ser protagonistas. E así foi  como chegou o recitado/dramatización do poema incluído nun dos seus últimos poemarios “A boca da terra”, co que rende unha sentida homenaxe ao patrón e aos mariñeiros do barco “Xurelo” cando con motivo do traslado de residuos radiactivos á “Foxa atlántica” -así se titula o poema- un grupo de persoas se desprazou a ese lugar que estaba servindo de cemitrio de residuos e que con esta acción se paralizou esa práctica tan nociva para Galicia e a humanidade en xeral. Este foi o momento máis emotivo de toda a súa intervención polo dramatismo que para el representaba ese feito e que tería unha moi fonda repercusión no desenvolvemento posterior do lixo radiactivo. De feito, a partir de aí, os estados tiveron que empezar  a buscar outras  alternativas.

sinatura-3.jpeg

Ninguén quería deixar pasar esta oportunidade para poder contar coa sinatura dalgún dos seus libros. Así foi como de xeito pausado e con toda a entrega que se lle pode poñer accedeu a asinar todos os libros que lle foron presentados: fose o libro de visitas da Biblioteca, fosen os dalgúns rapaces que a súa familia lle mandou traelos para non desaproveitar a ocasión; o caso foi que ninguén que quixo quedou sen que asinase  o que  lle presentaron; a pesar de que outro centro estaba agardando por el como auga de maio.

grupo1.jpeg

Finalmente, e xa de novo no exterior, e cumprindo co rito das grandes ocasións, alumnado, profesorado e M. Rivas achegámonos ata o OMBÚ para realizar a foto de rigor e así, unha vez máis seguir reivindicando a condición de ÁRBORE SENLLEIRA, petición á que se sumou o propio autor e que nesta mesma xornada temos coñecemento que o Cónsul de Arxentina  en Vigo, Osvaldo Jorge Degdeg, tamén vén de expresar o seu apoio e que xa expresou en documento escrito e vai referendar coa súa presenza no centro o vindeiro día 9 de marzo.

Por último, e seguindo as ensinanzas do mestre e tal e como xa coñecía o alumnado existente, porque este texto xa fora lido con anterioridade en contacto coa natureza, en Fragoselo, monte de Coruxo,procedemos a agasallalo co que non podía ser menos, unha peza de Sargadelos! e o máis rechamante: un toxo!. Por que ? Pois, tal e como el propón nun libro titulado “Unha espía no reino de Galicia” un dos artigos titulados “O toxo is beautifull” recomenda, e sempre de xeito inxenioso e con moito tino que, entre outras ideas ,en Galicia, podían terse en conta  as seguintes:

“O movemento antirracista que reclamou os dereitos civís dos negros fixo popular aquel lema de Black is beautifull. Os probos holandeses, precursores do ecoloxismo, proclamaron aquilo de que “o pequeno é fermoso”. Por iso, os galegos deerían de popularizar entre os seus eslógan internacionais ese do toxo is beautifull. O toxo é belo! 

e segue afondando máis no tema “volvendo ás flores e ás letras, por que non regalar o 17 de maio un libro cunha poliña de toxo florido?. Ademais do detalle, contribuiriamos a desenvolver a industria editorial e unha fonte de ingresos para a necesitada economía rural : a da chorima.”

“Metamos o toxo nos fogares.Non na cama, pero si ao seu carón, no floreiro da mesa de noite.Levémolo, canda a xesta, aos xardíns galegos. Mágoa é que os poucos parques das cidades galegas non se vexa un carballo nin un castiñeiro, coa grata excepción compostelá da carballeira de Santa Susana. Plantemos, si, camelias e magnolios, esas xoias orientais que a fidalga campiña galega tomou como propias. E plantemos tamén toxo.

O fermoso toxo que vestiría co ouro das chorimas o corazón desfeito das cidades desfeitas.”     

 Que vos parece? Non vos resulta  inxenioso e á vez algo espiritual e de apostolado, como diciamos ao comezo, ao personificar o Espirito santo n´O Rivas. Non sei!

toxo-2.JPG

Manuel mima, a espiña ou a chorima?do toxo traído do corazón de Galicia

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Vídeos do primeiro encontro e primeira competición internacional do PROGRAMA ERASMUS+

Publicado o 6 Marzo, 2016 na sección +Erasmus Project por Alberte Zato

 

 

 

 

 

Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo

Primeiro encontro e primeira competición internacional do PROGRAMA ERASMUS+ no IES do Castro

Publicado o 5 Marzo, 2016 na sección +Erasmus Project por Alberte Zato

logodisputediscussdevelop250.jpg

Na semana do 1 ao 5 de febreiro celebrouse, no IES do Castro, a primeira competición internacional do programa Erasmus+ (Dispute, Discuss, Develop) que ten como obxectivo incorporar o formato de debate do filósofo Karl Popper na ensinanaza das escolas participantes. 

Os outros tres centros implicados son a Szabad Walford Atalanos Iskola és Gimnazium, de Szeged (Hungría), a 5th General Lyceum of Nea Ionea, en Atenas (Grecia), e a Bauska Valsts Gimnazja, da cidade de Bauska, no sur de Letonia.

 

Na primeira parte da competición, organizada en dúas fases semifinais e unha final, os equipos, por países, debatiron sobre si o mundo sería mellor sen o cultivo e consumo de alimentos modificados xenéticamente. Un dos equipos tivo que argumentar a favor desa tese e os argumentos do equipo contrario ían dirixidos a refutala. O primeiro día, o luns 1 de febreiro, o equipo de Vigo enfrontouse ao de Letonia e quedou vencedor. Pola tarde, o equipo de Grecia enfrontouse ao de Hungría e foi o primeiro o gañador. O martes  celebrouse a final entre os equipos de Vigo e Grecia e este último resultou gañador. 

 

 O xoves, 4 de febreiro, comezou a segunda parte desta competición tamén organizada en dúas fases semifinais e na que os alumnos, en grupos mixtos internacionais (cada grupo cun alumno/a de cada país), debatiron sobre os beneficios das dietas vexetarianas. 

 

Ademais das competicións, os estudantes viaxaron a Santiago de Compostela e visitaron as instalacións do porto de Vigo. 

 

Os resultados deste encontro foron tremendamente satisfactorios e os estudantes demostraron un nivel moi alto tanto no que se refire á organización da argumentación coma á expresión e comprensión da lingua inglesa. A actuación dos equipos foi avaliada mediante un protocolo de avaliación e o xurado, en todos os casos, alabou o correctísimo seguimento das normas do debate e que os estudantes son quen de rebatir a argumentación contraria, o que significa un grande nivel de atención ao que di o contrario e excelente comprensión da lingua inglesa.

 img_20160217_111530_border.jpg 

img_20160217_111217_border.jpg

 

Clique nás imaxes para velas a tamaño 1:1

 

p2010207.JPG

 p2010211.JPG

p2010216.JPG

p2020310.JPG

p2010243.JPG

p2020275.JPG

p2050469.JPG

s1060027.JPG

 

 Reseña do evento na prensa (Atlántico diario de Vigo)

prensa.jpg

 

http://www.atlantico.net/articulo/vigo/castro-acoge-debate-alumnos-paises/20160203095950512268.html

 

Related Posts with Thumbnails
Imprimir este Artigo Imprimir este Artigo